Testemuña da historia do Lethes

lethes
Testemuña da historia do Lethes
ADOLFO FERNÁNDEZ DAFONTE Debruzado na enxebre solaina que debuxa o val do Limia, desfruto insaciablemente da fermosa paisaxe que acariña as augas...

ADOLFO FERNÁNDEZ DAFONTE

Debruzado na enxebre solaina que debuxa o val do Limia, desfruto insaciablemente da fermosa paisaxe que acariña as augas do Lethes.

Carballeiras, soutos, toxais, cobren os montes dende os cumios deica as abas, cun mandil verde de agarimoso terciopelo, peiteado polo vento ó seu antoxo.

O meu voo visual de aguia limiá, vai e vén na percura dun recuncho empapado na historia desta terra, que me faga viaxar no tempo e me misture coa ialma da súa xente.

Póusome, ó fin, nun alto de privilexio. O castro de Lobosandaus (O Baño, Bande). Acóchase estratéxicamente nun pequeno monte, rodeado dun foxo defensivo,  cheo de vivendas de planta circular penduradas, coma un soalleiro cara o meio día, na ladeira que mira para o río do Esquecemento.

O cumio atópase coroado por un enorme penedo rachado pola metade. Esta fenda natural é a guía visual que fai de liña divisoria dos montes veciñais de Lobosandaus e Sta Cristina.

Abofé que o sacrificio ata chegar a este extraordinario lugar está dabondo xustificado.

Divísanse a totalidade dos concellos bañados polo Limia e ata se poden acariñar coa mirada as fachendosas serras portuguesas que se erguen poderosas ó longo da raia.

Sentado na fría e dura cadeira pétrea, ollo cara aquel ancestral poboado e síntome transportado a tempos pretéritos.

Pecho os ollos por un intre e o maxín tráeme a xente que naceu, medrou e finou neste lugar.

O vento pétame con forza na faciana e zóame no sentir. Vaime achegando os espíritos da Croa e vanme falando, paseniñamente.

Cecáis o penedo no que descanso foi o altar onde se lles ofreceron sacrificios ós deuses. Mesmo sinto os sons musicais que acompañan as danzas, mentres se practican os rituáis relixiosos ou mesmo  pagáns.

Espreito o marmurar dos vellos, gardiáns da sabedoría da tribu, mentres adoptan importantes decisións sentados uns a carón dos outros.

Case podo ouvi-los muíños de pedra moendo as landras, cando as mulleres os fan xirar coas mans, e os berros de ledicia das rapazas e  mailos rapaces choutando polas canellas empinadas da aldea.

Ó entrarme o ar polo nariz, estou ulindo o fumo que sae dos encuruchados teitos tecidos de colmo, dos pequenos fogares.

Respírase paz e tranquilidade.

Ó abri-los ollos, volto á realidade do presente e estou só. Xa non hai ninguén... Onde foron?  Por que fuxiron?

A resposta, de novo, tráenma as lembranzas teimudas do vento, con sons de tamboriles de loita. A culpa tívoa o Lethes, por deixarlle atravesa-las súas augas á lexión de Décimo Xunio Bruto. Por permitir que os escuadróns romanos  recobrasen a memoria na outra beira do río.

Os castrexos xamáis lle-lo perdoarán.

Coa tristura que me provoca imaxina-la traxedia vivida pola xente do castro, comezo o meu descenso pola ladeira, cara a aldea de Lobosandaus.

Percorro un bo anaco do camiño da Raíña Santa, empregado polos pelegríns da ruta portuguesa do interior, que ían cara Compostela na Idade Media. Toma o seu nome da raíña Isabel de Portugal que utilizou esta vía nas dúas peregrinacións que fixo para visita-lo sepulcro do Apóstolo Santiago.

Podo imaxinar ese roteiro cheo de xente, cansa de tanto camiñar, co fervor de chegar á Terra Santa para gaña-los favores do xubileo.

Seguindo a andaina, detéñome na fonte de pedra de Lobosandaus para sacia-la miña sede. Atraveso deseguido a aldea, e descendo cara as  termas do Baño, á beira do río.

Ó chegar, a tentación pode co camiñante e o pracer de se meter nunha das pozas de auga quente e irrenunciable. A mente agradéceo e o corpo aínda máis.

Totalmente relaxado, pecho as pálpebras, sumerxido na pía fumegante e decátome de que hai vinte séculos, no mesmo lugar no que estou eu agora, mergulláronse soldados da centuria romana de Décimo Xunio. Podo escoita-lo son dos tambores, o trepar dos cabalos e maila tropa e o cantar laioso dos eixes dos carros pasando ó meu carón cargados deica  a cima dos ladrás, de material bélico traído dende a mésma Roma.

Sinto o arrepío de estar só ante o exército máis poderoso do mundo coñecido ,naquel tempo.

Acochado na poza deica o pescozo, sinto medo e ó mesmo tempo, ousada curiosidade. Vexo pasa-los lexionarios, bravos, berrando, con presos atados con cadeas, cáseque espidos, e conducidos a empurróns dende o castro de Lobosandaus, para usalos coma escravos na construción do campamento militar de Aquis Querquennis, situado a carón do Baño. Coitadiños...

Estou sendo testemuña imaxinaria do esvaemento do pobo castrexo, provocado  pola chegada das tropas do imperio romano á Gallaecia.

Volto á realidade e quedo verdadeiramente abraiado pola riqueza histórica, cultural e arqueolóxica que fun atopando só nun percorrido de 800 metros. Vestixios imborrables que  demostran que o río Lethes foi berce das culturas que ó longo dos séculos, forxaron a identidade única e o carácter dos poboadores do Val do Limia, protexendo ós seus moradores coa axuda das Ninfas que se mergullan nas súas augas e que de cando en vez se deixan ver para que a súa lenda permaneza sempre viva.