Tradición ou tradución?

halloween-picture
Tradición ou tradución?
ILDUARA DE GUTERRI Na prodixiosa Viena de finais do século XIX nacía Karl Polanyi. A súa obra mestra A gran transformación,...

ILDUARA DE GUTERRI

Na prodixiosa Viena de finais do século XIX nacía Karl Polanyi. A súa obra mestra A gran transformación, conta como o progreso foi promovido ó prezo da dislocación social. Este escritor de orixe xudía, na súa crítica ó liberalismo económico , afirma que a principal correa de transmisión da Revolución Industrial non era a invención técnica, senón a invención social.

Dende que na Inglaterra de fai dous séculos comeza esta Revolución un fío condutor articula a convivencia occidental: o capitalismo.

As costumes e as tradicións vanse diluíndo ca concentración masiva nas cidades. Quedando unicamente nos recunchos máis afastados. Permanecen e poténcianse unicamente os xeitos de vida que reportan beneficios comerciais.

As grandes multinacionais acompañadas dos seus fámulos do arte comercial e publicitario, chegan incluso facerlle crer a un pobo coma  o galego, que uns cabazos alumeados no seu interior forman parte da súa tradición. A festa que se intenta implantar e a de Halloween, pero traducida co nome de Samhain.

Antes dos celtas, xa no neolítico, aquí na Limia coma no resto da Península, vivían uns homiños que argallaban insculturas rupestres e a súa espiritualidade aparecía reflectida nas mámoas e nos dolmens, conservados aínda hoxe na nosa terra. Coma mostra a Pedra Alta na propia Antela. Pero cae de caixón, que ir cun penedo ó lombo, estilo Obelix, faise pesado. Agora ben, de levar un cabazo ou un menhir a tradición entre nós é a mesma.

Os centros educativos están sendo os verdadeiros mecenas desta americanada. Se xa non eran poucas as semanas ou medios meses monotemáticos, agora con esta nova implantación queda o primeiro trimestre completiño. Unha mestura de arañas, bruxas, sapos e curuxas con algunha cabaza intercalada, enchen a revitalización desta pseudotradición. Despois, o último día para rematar o evento, intervén o enxeño de cada alumno dando mostras que entenderon o ritual dos celtas. É entón cando aparecen os dentes longos, os traxes de esparadrapo e os mellores coitelos de Albacete.

O específico da tradición é a transmisión de xeración en xeración . O noso pobo é riquísimo en tradicións. Non precisa adoptar as das outras culturas. O comezar o carnaval no primeiro trimestre igual descafeina o noso entroido. Un bo xeito de educar, sobre todo no rural, é potenciando os costumes que xiran entorno a produtos tradicionais propios deste tempo como pode ser a castaña, a noz, o millo …. Ensinémoslle ás futuras xeracións as verdadeiras costumes, deste xeito espertaremos un gran interese pola nosa terra. E os espíritos de contradición que favorecen prácticas nada acordes ca nosa cultura o mellor é botalos ó lume que non se apaga e ó verme que sempre está roendo.

Porque créano ou non, o Samhain xunto co neoliberalismo  xa están facendo estragos nas colleitas de patacas na Limia. Algúns xa empezan a crer que o Samhain ( fin do verán) é a noite do 30 de outubro, pero segundo os meteorólogos este ano coincidiu o 22 de setembro ás 10 da noite.