Trampas

Antes de nada, vou confesar que sendo neno fixen máis dunha vez algunha trampa. Sen que poida servir de disculpa, négome a pensar que non exista alguén no mundo que, alomenos unha vez, non fixese algunha desas trapalladiñas e enganos miúdos, sobre todo nesa idade inocente da nenez. Eu, que tamén fun neno, tiña un afán de gañar sempre. Creo que a miña nai e as miñas irmás aínda gardan na súa memoria ese conxunto de trasnadas arteiras cheas de disimulo, feitas sen maldade mais coa única intención de gañar... ó parchís.
Hoxe, pasados xa unha manchea de anos, non deixo de rir cando a historia volve agromar nas xuntanzas familiares. Pregúntome que sería a vida sen as trampas. E penso nas arañeiras das pobres arañas, que non deixan de ser un fermoso engano que lles permite a mantenza. Ou nos pescantíns de ras ou de peixe, cos seus engados tramposos.
Non hai moito, deu tema de conversa abondo o asunto do engano das famosas \“preferentes\”, unha trampa bancaria moi estudada e arteira. Hoxe está de moda a trampa dos motores da Volkswagen. Pero este asunto das trampas, vén de moi lonxe.
Hai algúns anos estiven de viaxe en Grecia e visitei o vello estadio de Olimpia, berce dos xogos olímpicos. A pouca distancia do lugar no que se recolle o lume sagrado, ese que percorre o mundo para dar a saída no grande acontecimento que son os xogos, está un paseo que dá acceso ó túnel do estadio. Ese paseo está abeirado por restos das estatuas daqueles atletas da antigüidade que acadaron a gloria. Porén, fronte a elas, estaban situadas outras, que segundo a explicación dada pola nosa cicerone, correspondían a aqueles atletas que quixeran gañar facendo trampas e que tiñan unha inscrición na que se lembraba, para escarnio público, o nome do tramposo e a trampa realizada.
Teño que confesar que a min non me gustan as motos. Non sei se Valentino Rossi vai ser consciente da súa \“trampa\” tirando a Márquez na carreira de Sepang, como di unha grande maioría de xente. Dise que un expiloto, Stoner, lle espetou esta frase ó italiano: \“A túa ambición é máis grande que o teu talento\”. Nunca se saberá, se de haberes carreiras de motos na antiga Olimpia, habería unha estatua de Rossi no paseo dos tramposos, que seica así lle chaman a ese treito que dá acceso ó túnel do vello estadio.

Rafael Laso Lorenzo