Trandeiras.Precaución

Trandeiras
Trandeiras.Precaución
Porque é a peza máis senlleira do patrimonio municipal, porque xa ven de vello, e porque todos os tolos temos...

Porque é a peza máis senlleira do patrimonio municipal, porque xa ven de vello, e porque todos os tolos temos unha teima; Trandeiras tiña por forza que ser o primeiro tema desta colaboración.

 O tempo corre implacable, e xa se cumpriron dez anos dende que no nº 4 do “LETHES” aparecía un artigo sobre o “Bon Xesús”, lamentándose do abandono do monumento. Dez anos máis de desidia, que completan un cuarto de século dende que o convento é propiedade municipal, sen intervención que atalle o progresivo deterioro.

Este inverno, coma todos, algún novo pano de muro deitou no chan, e a ruína esmorece pouco a pouco. Desperdiciamos os mellores momentos para acometer unha recuperación que devolvese dignidade ao monumento, e todos os limiaos temos que sentirnos avergoñados desta desidia. Posiblemente os anos que se aveciñan non sexan os mellores para afrontar unha rehabilitación que nos tire a conciencia de culpabilidade.

Pero non quería chamar a atención unicamente polo abandono que alí se respira, senón tamén e sobre todo pola seguridade.  Neste momento calquera pode acceder a un recinto onde as medidas de seguridade son nulas, e os perigos múltiples. Muros que poden derrubarse en calquera momento ou desniveis de máis de seis metros de altura sen ningunha protección, fan que os visitantes que seguro se achegarán ata alí nas festas que se aveciñan, corran riscos certos.

O artigo 92 da lei de patrimonio recolle entre as infraccións graves o deber de conservación dos propietarios, e entre as moi graves a acción ou omisión que leven aparellada a perda ou destrución dun ben de interese cultural. E o artigo 1907 do Código Civil fai responsable ao propietario dos danos  que se ocasionen nos edificios por falta das reparacións necesarias. Mesmo no artigo 201 apartado 4 da lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia insta ao alcalde a tomar medidas de urxencia en casos coma este.

Se eu tivese esa responsabilidade, algunha medida tería tomado, e utilizaría este argumento como coartada para facer cómplice a administración autonómica, polo que poda pasar.

Desexo que esta chamada de atención non acabe sendo un paxaro de mal agoiro e non teñamos que lamentarnos, porque, ter esquecida unha das nosas mellores manifestacións culturais , é vergoñento, pero lamentar desgrazas é imperdoable.