Trocalibros

Visión do interior da basílica (Foto fundación)

Estou nun hotel en Barcelona cando escribo isto. Cansado dabondo despois dunha longa camiñada pola cidade, nunha xornada na que ocupei toda a tarde na visita do templo da Sagrada Familia, obra do maxistral arquitecto Antonio Gaudí. A palabra que mellor define a experiencia vivida é abraiado, non se me ocorre outra máis acaída diante do resultado da imaxinación portentosa dese home.

Sentado ó fresco na terraza do meu cuarto, a noite non está para contemplar a chuvia das Perseidas. A contaminación lumínica do ceo non permite aquí tal cousa. Nada parecido aos ceos do verán da miña vila cando eu era neno, dos que aínda lembro a súa negrura, sobre a que o meu tío o Toniño Moca foi quen de me aprenderes a procurar a constelación do carro e a estrela Polar. Son estas horas as que aproveito para poñerme ó día das novas da miña vila, tanto en La región como neste xornal no que escribo os meus artigos. E é precisamente neste último onde leo a nova dunha iniciativa do Concello, representado pola alcaldesa Elvira Lama e o concelleiro Rafa Penabad, que leva por nome Trocalibros. Unha marabillosa actividade que convida a ler, tanto a maiores como a pequerrechos, trocando un libro que se leve por outro, en distintos lugares da vila. A min, estas cousas e ideas que fomenten a lectura parécenme sempre estupendas.

Prometinlles, no meu artigo anterior, contar o suceso dun roubo no comercio de Alonso Nieto na praza Maior. Será outro día. Malia estar en Barcelona, o croar das ras que hai nun estanque a carón do hotel lévame inexorablemente á miña terra. Así pois, nesta hora da noite vou pasar un tempo aquí sentado escoitándoas.

Rafael Laso Lorenzo