Un corazón e un xesto

75
Un corazón e un xesto

Hoxe, contra o mediodía, tiven que deixar a oficina para asistir a unha reunión de traballo no centro de Vigo. O día era espléndido, cun sol no alto que deitaba as luzadas dos 75seus raios sobre o mar da ría. Ás veces penso que temos estes días tan bos para recibir o pergamiño Vindel, ese no que están escritos, dende hai máis de oito séculos, os versos do trobador Martín Códax. A máis dunha persoa, teño escoitado dicir que estes días tan bos, son os días do veroño. O caso é que eu, como os labregos, os campos e os encoros, xa estraño a chuvia. Si, boto en falta o son das pingas batendo contra os vidros da fiestra do cuarto onde escribo polas noites. Boto de menos parar de cando en vez de golpear as teclas do computador para ver a carreira das pingas escorregando vidro abaixo.

En fin, non quero que a lembranza da chuvia me afaste do que quería contar. Subín pola avenida de Madrid ata determe no semáforo da praza de España, a da fonte dos cabalos do escultor Oliveira. Diante de min tiña catro coches, que para nada me impedían contemplar o espectáculo dun mozo, xa ben entrado nos trinta anos, que facía malabares cunhas pelotas e uns birlos (resístome a chamarlle bolos, pois non é o correcto) de plástico.

Cando o mozo rematou a actuación, fixo unha reverencia co chapeu na man e foise achegando ós coches, na procura dunhas moedas coas que sentir pagado o seu espectáculo. Cabo dun intre, detívose diante dun coche ocupado por dúas rapazas novas e estendeulle o chapeu. Non lle deron nada. El, cun xeito galante, inclinou a súa cabeza cara elas. Despois, mollou un dedo na punta da lingua e, cun sorriso nos beizos, pintoulle un corazón na xanela do coche e retirouse, porque o semáforo volvía poñerse de cor verde. Non sei se tivo tempo a ver o xesto que lle fixo coa man a rapaza que conducía. Espero que non se decatase, porque era un xesto feo que non vou describir aquí. Ben certo que un corazón pintado con algo de cuspe pode non agradar. Pero coido que non é merecente dun xesto como o da rapaza. A fin de contas, un corazón é un corazón, sempre fermoso, pinte como se pinte.

Rafael Laso Lorenzo