Vacacións
Haberá agora un ano, publicaba neste xornal un artigo titulado \“Negro\”, sobre os incendios que abrasaban a nosa terra. Este ano, outro máis, nada temos aprendido e as lapas do lume seguiron queimando o noso país. Nótase que os incendiarios non collen vacacións. Porén, as miñas remataron hai mes e medio. Foron quince días a desfrutar do meu fillo, de ir á praia, de ler algúns libros atrasados e coller ideas para a próxima novela. No entanto, o monte seguía a arder, os políticos a enredar e o país sen goberno. Neses quince días o sol non deixou de quentar grandemente como se nada máis acontecese, tal como lembro dos meus veráns de neno en Xinzo.
Máis non foi esa a única lembranza. Coa miña dona e o meu fillo, fomos nunha excursión organizada as illas Cíes, para contemplar o ceo nocturno. E tumbado no chan, contemplando as estrelas do ceo, rexurdiron outras dúas lembranzas da miña nenez. A primeira, a constelación do Setestrelo, que descubrín da man do meu tío Toniño Moca unha noite de verán cando eu era un rapaz. Constelación á que el lle chamaba sinxelamente \“o carro\”. Dende aquel entón. cando o ceo está despexado e agroman nel as estrelas, non deixo de buscalo.
E a segunda, foi a Vía Láctea, que se debuxaba fermosa sobre a negrura do ceo. Díxenlle ó meu rapaz: \“Sabes unha cousa, fillo? Hai moitos anos que non era quen de ver a Vía Láctea. A última vez que a vin tiña a mesma idade que ti tes hoxe.\”
Nestes tempos non son as bágoas as que nos impiden ver as estrelas, senón o exceso de luz nocturna, a contaminación lumínica. Hai cousas que nunca cambian e outras que o fan de présa. Cómpre por tanto aproveitar as vacacións para facer devagariño esas cousas que decote deixamos de facer. Iso si, sen deixar pasar cuarenta e tres anos.
Rafael Laso Lorenzo