A ver se iamos estar todos equivocados

A ver se iamos estar todos equivocados

Tendo na Limia tal canteira de artistas e creativos non sei como non se constituiu xa unha produtora audiovisual multidisciplinar que realice filmes, series, documentais, anuncios publicitarios, publireportaxes para empresas e incluso algunha publicación escrita. Certo é que algún intento houbo pero non, non me refiro a iniciativas que xa tiveron o seu lugar, senón a algo totalmente novidoso e que abranguera tódalas ramas e fases do audiovisual: dende a idea, a creación dun guión e o seu desevolvemento, a preprodución (ou produción, según se lle queira chamar), a realización, a edición e a posterior postprodución para darlle forma ó produto. De calquera xénero.

De feito, coa crecente aparición das nosas paisaxes e área territorial na realización de filmes ata poderiamos crear a Limia Film Commission, para axudar a todos aqueles que decidan gravar unha superprodución (ou non tan súper) na Limia. Unha Film Commission é un órgano que lle facilita aos produtores audiovisuais información e orientación para gravar nun determinado lugar, facendo fincapé nas súas vantaxes e puntos fortes, animando a investir nesa área, promocionando así a zona na que se realiza e o sector audiovisual na mesma. Dado a gran actividade económica e empresarial da zona, ó mellor non era mala idea facerlle ás autoridades pertinentes esta pequena suxerencia para axudar a axilizar a economía na zona. A ver se vai ser que o cine é o futuro da Limia e non as patacas!

Incluso tamén se podería constituír unha “Telelimia” para dar conta de tal axitada actividade, non só no sector audiovisual, se non en calqueira dos sectores económicos da nosa zona. Tamén podería servir para informar das novas da comarca, eventos interesantes que ás veces pasan desapercibidos polo groso da poboación porque a quen lle compete non se interesa nin pon esforzo en promocionalos...que o esforzo costa cartos.

Pero claro, estamos en crise. Crise, crise, crise, e claro, non se pode facer nada.

Pois voltando ao comezo deste artigo e retomando o comezo desta reflexión, ó mellor, precisamente na Limia non se fan filmes, documentais, series, anuncios e publireportaxes, incluso nin se publican uns cantos diarios ou semanarios, ou revistas, como se facía en épocas ben peores porque tódolos artistas e creativos da zona marcharon. E porqué marcharon?