Vestidos ou disfrazados?

Vestidos ou Disfrazados 1
Vestidos ou disfrazados?
Na parroquia da Lampaza, in illo témpore, había un costureiro que lle facía os traxes ós rapaces polo almanaque. Non precisaba a presenza...

Na parroquia da Lampazain illo témpore, había un costureiro que lle facía os traxes ós rapaces polo almanaque. Non precisaba a presenza da criatura para argallarlle o vestiario. Conque  fose a nai ou o pai e lle dixese a idade, facíalle o traxe á medida.

Cando era pequecha, e miña nai me probaba un vestido, dábase conta ó momento se me gustaba ou non. Se me agradaba, pero non me quedaba ben, logo me dicía: “¡Saca,saca meu espantallo!”.

De traxes, tamén ía a festa na que participaron fai uns días un grupo de persoas, baixo o lema: Pantallas de Xinzo de Limia. A polémica quedou servida cando colgaron as fotos de tal evento, chamado a festa da Primavera de Murcia, no facebook. Moitos dos liturxistas deste tipo de desfiles foron críticos cas pintas que se sacaban, pero máis ca isto o que os indignou foi o que se arrogaran o nome de Pantallas de Xinzo de Limia.

Se o seu nome fose, por exemplo, os Mecos de Xixirei so se poderían sentir algo ofendidos os de Paredes, e digo “algo” porque non é seguro que estivese aí enclavada esta antiga aldea. Deste xeito nin a coroza, nin a capa feita por almanaque, nin o fular , nin o gorro co Nunca Máis, nin a camisa arremangada, nin a bandeira….serían tema de crítica. Que como escribía unha cartagenera : “el traje de pantalla como me lo pago yo y no el concello lo pongo donde me da la gana”; e engado eu: e como me da a gana.

Que lles parecería ós de Cea que uns individuos se presentasen nunha festa de interese turístico internacional cun pan feito á présa e de peor calidade co que comercializaba oGarabito nos albores do século XVII na vila limiá. E que cara lles quedaría ós forneiros das proximidades do Arenteiro cando visen nas redes sociais como se repartía o seu suposto pan.

Nestes días na Limia pasouse do sentimento ó resentimento. Botouse en falta o pronunciamento da Asociación cultural a Pantalla e da Concellería de cultura de Xinzo.

O pouco que nos queda na comarca, e a forza que está collendo o noso entroido  ca Pantalla como seña identitaria, nestes  últimos anos, deberíanos levar a potenciala e mimala máis. O Concello que non chore os cartos nela e en todo o que signifique sacar a nosa Pantalla alén do Padornelo. Que os nosos limaus vaian vestidos e non disfrazados. Que leven o traxe con orgullo, respecto, forza, emoción, admiración…..

Porque cando lle ensinei á miña nai algunhas das fotos sacadas en Murcia a súa reacción espontánea foi:   ¡¡¡ Saca,saca …..!!!