Unha vida de ra: Palabras para unha exposición

243
Unha vida de ra: Palabras para unha exposición

244Son limiao de nacemento, de corazón e de pensamento. Debo ser un dos derradeiros nenos da vila que naceron na casa, xa que logo pouco despois as nais ían parir ó hospital de Ourense. Eu non, o meu hospital particular foi un dos bloques das casas baratas vellas, nun cuarto dun terceiro piso con fiestra á rúa Santa Mariña. Daquela un limiao nacía sendo case un experto en tres cousas: as ras, as patacas e o entroido. Hoxe, tan só nestas dúas últimas, pois ras xa case que nin hai. Case toda a miña nenez transcorreu na Mazaira, onde nas noites despexadas de verán era unha ledicia contemplar as estrelas. E tamén alí, nesas noites, vivín a miña primeira experiencia coas ras: o seu canto noitébrego enchía por completo o silencio escuro da noite, como se quixese redimilo do seu penar. Imaxino o bispo cardeal Bedoya nas noites da dúa estadía, castigado, exiliado e illado no mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras. Talvez as ras acudisen puntualmente a súa cita todas as noites para amargarlle a vida, pola súa teima en estiñar a lagoa, tal como deixou escrito na súa Memoria sobre o desaugadoiro da lagoa de Antela.

Esa idea tivérona moitos, comezando polos propios romanos. Tamén unha francesa, a marquesa de Longueville, teimou en desecala para pillar todas as ras e exportalas a Francia, pois os gabachos, moi lampantíns, gustaban moito delas. Mesmo Julián Toubes, o correxedor de Xinzo, investiu tempo e fondos no intento. De me preguntares unha opinión, eu diría que todos eles eran uns toliños inocentes, cada un á súa maneira.

Mais como di o refrán, tanto vai o cántaro á fonte, que ó final este escacha e a auga escapa. A auga escapou da lagoa co estiñado durante a ditadura franquista, desastre ecolóxico impensable no día de hoxe, sesenta anos despois daquela traxedia tan grave ou máis ca do Prestige.

A min gústame pensar que foi entón cando as ras emigraron, coma moitos galegos fixeron naquela época. E canda elas tamén as cegoñas. Porén, os exércitos do rei Artur, ficaron agradecidos, encantados nos corpos dos cínifes que os acubillan, porque xa non tiñan quen os papase.

Disque a auga era a porta do Alén para os antigos celtas e non sei se Lugh, o caudillo castrexo, ficaría pampo perante a ausencia da máis grande lagoa por estes recunchos da xeografía. Unha lagoa ateigada de ras.

Hai moitas clases de ras: a ra común e a de San Antón ou do orballo, ambas moi abondosas na Antela e hoxe case que extintas; a ra Goliat, que pode acadar case seis quilos de peso; a ra vermella; a ra touro. E hai ras que levan séculos inmóbiles, ollando o mundo dende paredes de pedra. Como a famosa ra da caveira da Universidade de Salamanca do ano 1553. Porén, eu prefiro outra máis velliña, cuns trescentos anos máis que aquela. Está ben perto de nós e é nosa. Talvez unha desas ras que fuxiu das augas da lagoa para pousar nun capitel da igrexa de Santo Tomé de Morgade na compaña dunha píntega, nos afastados anos do século XIII.

Símboloxía estraña, en mudanza continua ó longo dos séculos, pasou da súa asociación coa morte no Antigo Exipto a pouco despois, na Idade Media, simbolizar a luxuria. Becho simpático, empregouse sempre simbólicamente como figura da relación entre a auga e a terra. Son moitas e variadas as lendas que explican como a lúa, ás veces, aparece coa figura dunha ra. Hai quen lle reza a Deus e quen lle reza ó demo. E tamén quen lle reza á ra para pedirlle a chuvia. Onde non lle rezan é nalgunhas poboacións á beira do río Orinoco, que practican un curioso ritual coa intención de provocar a chuvia, que consiste en azoutar unha manda de ras, pois manteñen á crenza no simbolismo acuático do animal.

Nos primeiros tempos do cristianismo, a ra era considerada como un signo do maligno e do diabólico e xa chegada a Idade Media este batracio era un animal cargado de veladas e agochadas connotacións, asociado polo xeral co mundo da maxia e da bruxaría.

Menos mal que para compensar, en Xapón, a ra considérase como indicio de boas novas, asociándoa á ledicia e felicidade.243

Ledicia e felicidade era o que eu sentía cando o meu tío, o Toniño Moca, que pasaba por ser un dos mellores pescantíns de ras da vila, me dicía que iamos de pesca. Non me arredaba a longa xeira en bicicleta coa cana ó lombo e a cesta suxeita ó guiador. Houbo veces de chegármonos ata Cardeita ou Lavandeira.

De bambú, eran as mellores canas, e sen carrete coma as do peixe. A tanza, nada de facela de sedal. Tiña que ser unha tirada dobre de fío negro, do de coser, pois como dicía o meu tío, o escintilar do sedal cos raios do sol axotaba ás ras. E suxeito no estremo da tanza o engado, co curioso nome de vitallo. Un ritual curioso no comezo da tempada era preparalo cunha folla ata pillar a primeira ra para dispoñer da súa pel. Unha arte a de pillar as ras. Eu, de rapaz, perdía máis das que pillaba. E corría detrás das que perdía. Creo que ó final as propias ras fuxían de min, pois debían ter vergoña daquel nefasto aprendiz de pescantín. Porén, a imaxe do meu tío, cunha boa mada de ras entre os dedos cos que apreixaba a cana, fica inmutable na miña memoria. O mesmo que esoutra imaxe da miña avoa paterna preparando o guiso de ras. Con paciencia, limpaba as ras, preparaba o xamón ou a panceta, o aceite de oliva, o sal e mailo pementón. Cunha mestría insuperable, deitaba o aceite na tixola ó lume, agardaba o intre exacto do sofrito dos anaquiños de xamón, antes de engadir as rás previamente salgadas e deixalas dourar un chisco antes de lles botar o pementón e facelas devagariño durante cinco eternos minutos a lume frouxo. Acompañadas con patacas cocidas, fan ese prato fabuloso que gardo na memoria. Velaí a ra, o noso marisco da Limia. Ese animaliño simpático ó que hoxe lle amosamos todos os aquí presentes o noso aprezo e agarimo con esta exposición na súa honra.

Rafael Laso Lorenzo