En Vigo, coa poesía de Antón Tovar.

Reunión na librería Cartabón de Vigo
En Vigo, coa poesía de Antón Tovar.

O pasado xoves 21 de abril, tivemos un serán estupendo na compaña de moitos amigos de Xinzo. Reunímonos en Vigo na libraría Cartabón, para render unha homenaxe a Antón Tovar, o poeta da Limia, a carón da edición do libro Antoloxía poética, unha escolma realizada polo amigo Delfín Caseiro ó abeiro dunha iniciativa xurdida do profesor Xesús Alonso Montero que, como reza a contracapa do libro, pon en marcha o Museo da Limia en colaboración con Edicións Xerais, nunha marabillosa edición salientada polos tres poñentes na presentación da obra: o propio Delfín, xunto con Margarita Tovar López-Cuevillas (sobriña do poeta) e tamén o profesor Alonso Montero.

Comezou o acto Delfín Caseiro, defendendo un día das Letras Galegas para o autor nado en Rairiz de Veiga. Salientou a súa vida difícil, a súa mala sorte no eido amoroso ata coñecer a súa dona, a expulsión do seu traballo como funcionario do Ministerio de Facenda por mor da súa militancia comunista e gabou os seus poemarios en galego e o premiado El tren y las cosas entre os seus traballos en castelán, lingua que posteriormente abandonou para escribir en galego, tal como engadiría máis tarde na súa intervención o profesor Montero.

Margarita Tovar salientou a imaxe escollida para a portada do libro, pois esa fotografía reflicte a bondade do seu tío, un home cheo de amor a súa terra, á Limia, á súas xentes e os seus costumes e falou do seu contacto en Ourense cos membros da xeración Nós. Quixo tamén salientar a grande importancia na súa vida de tres figuras femininas: a súa nai, a criada Susa e maila súa dona Tucha. Home de fidelidade permanente ós seus principios, membro do PCE, que, expulsado do seu posto de funcionario público, sobreviviu traballando na histórica libraría Tanco de Ourense. Home ó que a súa propia vida sérvelle como tema para a escrita. Margarita fixo unha definición marabillosa do seu tío: un vello revoltado, intimista, culto, poeta e humano.

Após expresar o seu agradecemento ós donos da libraría pola organización desta homenaxe que se fai coa presentación da Antoloxía, o profesor Alonso Montero dixo que aínda non está afeito a que lle chamen Antón, pois para el, que o tratou e coñeceu, sempre foi Antonio, pois así publicou ademais os seus primeiros poemarios en castelán. Explicou como anécdota porque o noso home pasou a chamarse Antón, situando o asunto no contexto das manifestacións estudantís de 1965 en Madrid, coa expulsión das súas cátedras dos profesores López Aranguren, Tierno Galván e García Calvo, que influíron nun homónimo seu, Antonio Tovar, reitor da Universidade de Salamanca, que se fóra afastando do réxime franquista dende dez ou doce anos antes, e ao que as citadas expulsións fixeron desistir de volver asentarse como catedrático en España. Seica este home, grande mestre dunha xeración de filólogos e lingüistas, era tamén un excelente crítico literario e coñeceu textos do noso poeta limiao, que mesmo gabou pola súa calidade. Ambos os dous, coñecéronse arredor do ano 1970 e foi a partires daquela data en que o noso paisano decidiu ser Antón para sempre e así distinguirse do seu homónimo.

En palabras do profesor Montero (magníficos os seus noventa e cinco anos), Antón Tovar era un home angustiado, atormentado, extraordinariamente sensible, que viviu nun momento especialmente duro, pois eran os anos da posguerra, pero que tiña tamén unha dimensión espiritual superior ós demais. Por esa razón, vai ingresar como novizo no seminario de Salamanca. Mais alí, atopa o choque brutal das súas ideas co feito dunha relixión que castiga, que xulga, que culpa, o que lle ocasiona un forte debate interno entre a súa propia idea de Deus e o Deus do seminario.

O seu desacougo amoroso remata cando coñece á súa dona, Tucha Mirallo, na que, en palabras do profesor, atopa o seu complemento perfecto.

Na ledicia e no pracer que supón escoitar a un mestre como don Xesús, este aínda gabou a antoloxía definíndoa como moi importante e que caracterizará a Tovar para sempre, ese poeta existencialista tan grande, tan angustiado polo feito de seren botados a este mundo, que é moi difícil atopar outro a ese nivel en Europa. Alonso Montero quixo rematar a súa intervención cos poemas Outro e Deus é tan pequeniño incluídos na antoloxía. Deste último dixo que, máis ca un poema, era unha oración que todos os crentes poderían rezar pola noite. Unha marabilla que emocionou ós asistentes a un acto no que o mestre definiu a Antón Tovar non como un poeta, senón como un escritor en verso. Tovar, o poeta da Limia, o escritor polo que agarda o día grande das nosas letras.

Rafael Laso Lorenzo