"Xa virá un de fóra a darlle o verdadeiro valor que nós non fomos capaces de facer"

IMG_0809
"Xa virá un de fóra a darlle o verdadeiro valor que nós non fomos capaces de facer"

IMG_0809De todos é sabido que o refraneiro popular é máis sabio que tres volumes seguidos da lexendaria enciclopedia Álvarez ou a colección enteira dos televisivos capítulos de "El libro gordo de Petete". Entre os moitos e exemplificantes ditos da sabedoría colectiva está un que na lingua de Cervantes vén a asegurar aquilo de que "uno vendrá que bueno me hará", equivalente ao que miña avóa Rosa dicía, cando afirmaba que "xa virá un de fóra a darlle o verdadeiro valor que nós non fomos capaces de facer". De seguro que vostede, querido lector de este xornal de código binario, concorda con quen suscribe que é moi típico da idiosincrasia do noso pobo tirar pedras contra un e gabar ó foráneo, nunha moi mal entendida concepción da humildade que tan sumidos na desesperanza nos ten. Todo o anterior sitúase como exemplo de libro do que acaba de acontecer nas terras da Limia. Ata a oposición, en forma de goberno popular con Pérez aínda alcalde, foi quen de recoñecer a valía dun recén nado da política capaz de facerse co subcampionato no mundial de debate en castelán do ano 17. Fíxoo nun emotivo acto de sinatura no libro de honra, cunha composición do seu bisavó soando no propio salón de plenos de fondo. Foron só os populares os que instaron á unanimidade da Corporación para tan insigne recoñecemento ao neto do fillo do gaiteiro de Laroá, Iván Olmos Ferreiro.

É agora, logo de case catro anos de comprobar naquel peche de campaña do 22 de maio de 2015 que XA levaba nas súas listas, no oitavo lugar, a un prodixio da dialéctica -e tralo derradeiro título de campión mundial de discursos-, cando vén un de fóra, Villares, a concederlle o privilexio de representar a toda unha provincia se así os resultados electorais do vindeiro 28 de abril o confirman.

A política, a todos os niveis, pero sen dúbida moito máis no ámbito municipal, debe entenderse cunha altísima dose de xenerosidade que leve a un líder dun partido xeneralista -ou dunha agrupación veciñal- a recoñecer a importancia da necesaria renovación cando esta vén da man dun xoven cunha escasa traxectoria pero innegable proxección.