miércoles 20/10/21

Xinzo 2015. Vítima e cómplice dos de sempre

Salmos 48:14. “Este é Deus, por sempre xamais; El guiaranos ata á morte.”

Xinzo da Limia gobérnase desde sempre coa dereita española máis reaccionaria. No noso ADN vai o xugo e as frechas das que saíu o PP.

Só houbo unha alternativa de esquerda na lexislatura 1999-03 laminada pola mesma raizame, hoxe alcalde popular do Concello de Baltar; mais este breve período si que funciona como vergoñenta ocorrencia de todo o mal de A Limia.

O novo alcalde, no grupo de goberno desde 2007, é unha penumbra nesta noite desposada por Isaac Vila fai 40 anos. Dúas sombras da cova onde xa fai tempo que, citando a xornalista Mar Gil, se extinguiron os políticos perseguidores de utopías como o ben común ou o benestar da veciñanza. A hijuela agocha moitas virtudes do antigo réxime: mentira, tráfico de influencias, ou como din xuíces e Avogacía do Estado “a groseira e sistemática desviación do poder”. Tamén medo á non andar de ben cos do PP, cordiais e impunes.

Xinzo xa é incapaz de metabolizar tal morea de xurro e corrupción e sen outra saída que afundirse, fai décadas que optou por ser antimodelo. E para mostra, o escándalo urbanístico do hiper Gadis levantado fóra do ordenamento na principal avenida e a pesar das advertencias tanto da oposición como da Xunta de Galiza.

Non hai planificación global. A mediocridade e o déficit suicida son a guía. Impostos desorbitados mentres esmorece o comercio local e a agrogandeiría en mans de colectivos correas de transmisión do PP. Insostenibilidade e precariedade sen industria transformadora. Sen plans de dinamización económica e laboral. Co patrimonio baixo silvas e esmorgas de Esquecemento e Entroido. Sen unha recuperación coordinada de inmóbeis ou espazos de valor arqueolóxico, etnográfico ou patrimonial, sen creativa posta en valor. Sen PERI no barrio de abaixo onde rehabilitación é declaración de ruína, caso Bar Arcos. E co Museo do Entroido fechado cunha inversión millonaria, sen índice de contidos e sen outra estratexia co turismo que parasitar a fervenza cidadá que empurra cara o botellón.

Non padecemos unha maldición bíblica senón que é o resultado dun goberno espello de delincuentes. Parafraseando a Mar Gil na súa obra “Allariz. A construción dun País. (1989-2014) 25 anos de acción transformadora”, política é conducir a vida, compromiso cunhas ideas e cunha sociedade, o demais é outra cousa; no peor dos casos, a infamia coa que Xinzo en 2015 seguirá a ser vítima e cómplice dos de sempre.

Xosé Lois Carreira

Xinzo 2015. Vítima e cómplice dos de sempre
Comentarios