Xinzo é desangrado ao furibundo ritmo de 3.000 euros diarios

Xinzo é desangrado ao furibundo ritmo de 3.000 euros diarios

Estamos a padecer unha verdadeira e grave sangría, ben roxa e negativa que nos tempos que corren irremediablemente non só rematará con nós na U.C.I. vítimas das samesugas que nos gobernan sen unha verdadeira política paliativa de aforro e eficiencia, senón que será a nosa pena de morte no tocante a investimentos capitais como a depuración total das augas fecais, por pór só un perentorio exemplo na franqueira de 2015.

O aclamado salvavidas do Plan de Saneamento Financeiro que nos deixara a última etapa de Isaac Vila, e que sobre todo foi tomado ao pe da letra no relativo a suba de impostos e taxas, deixábanos naufragados e ben afundidos cunha débeda viva en 2011 de preto de 4 millóns de euros. Hoxe, despois de dous anos e medio da rigorosa xestión do actual alcalde, e despois de pedir un préstamo de 4 millóns de euros, alcanzamos os 7,5 millóns de euros de débeda viva total e subindo, con máis impostos e recortes de salarios que non aforran nin res porque, por exemplo nun dos piares propostos do aforro como é o gasto de persoal, a política segue a ser a mesma de sempre, colocar e recolocar os de sempre, os nosos.

O Plan de Aforro aprobado na actual lexislatura coa meta da redución anual de medio millón de euros quedouse en papel mollado cando resulta que a propia redución do 15% aplicada ao salario do traballador municipal apenas supón un impacto do 10% na redución total en 2013 na partida de persoal. Como é isto posible? Pois é, e será a Fiscalía e os xuíces quen lles teñan que explicar ao señor alcalde que cando 1+2=12, unha ducia de interventores electorais son enchufados entre 2012 e 2013 sen concurso de mérito, nin publicidade, nin crédito axeitado, incórrese en desviación de poder, reiterada e consciente, ou sexa prevaricación.

Para Axuda no Fogar, Xantar sobre Rodas, Fomento do Emprego, do Cooperativismo, para novas incorporacións á agricultura, Mosteiro de Trandeiras, camisetas novas para a canteira do Antela F.C., ou para termos unha vila máis verde e humanizada non hai nin unha cadela; agora ben, para manter o lamento enramado dos nosos endebedámonos tres xeracións ao ritmo letal de 3.000 euros diarios. Óle ás túas siglas.