En Xinzo hai de todo.

Trigo cultivado na Limia
En Xinzo hai de todo.

Ía titular este artigo Cousas que non vai haber, mais nun fío de Twitter topei cun chío do que tirei finalmente o título. Quedo agradecido ó autor do mesmo por iso. Tal cousa foi a resposta a outro chío no que se dicía que nun supermercado de Xinzo había existencias dunha determinada xenebra (non vou dicir a marca por non facer publicidade) que noutros lugares xa era moi difícil de atopar.

Vállome da escusa dese chío para confesar que ando unha miga preocupado por esta situación que se comeza a albiscar, pola cada vez máis grande falta de cousas. Por mor do meu traballo, convivo todos os días, dende hai xa bastantes meses, con problemas de retraso nos transportes, falta de produtos industriais, prazos de entrega imposibles e un cento de cousas que lles podería contar. Hoxe mesmo, lin en varios xornais que os transportistas irán á folga do 20 ó 22 de decembro (se antes non se arranxa o asunto). No mes pasado, escoitei noticias varias sobre o problema da falta de pavos no Reino Unido ou mesmo de árbores para o Nadal. Visto o panorama, non sei como andaremos por aquí de capóns e no país veciño de bacallau. Non é por ser negativo de máis, pero non me estrañaría nada que as súas maxestades de Oriente ou o pai Natal dos portugueses tivesen moitos problemas de subministro para traballar este ano. Creo que tampouco brindaremos con viño, pois seica xa moitas adegas están a alarmar pola falta de botellas de vidro e de tapóns de cortiza.

Para dicir verdade, non sei que pensar. Só desexo que as cousas non vaian a máis e poidan arranxarse.

Pola contra a situación non é nova. Cóntolles a noticia que atopei no xornal La Voz de Galicia do día 8 de febreiro de 1890 (coma quen di, onte, hai xa cento trinta e un anos) e que transcribo aquí:

“Dicen de Ginzo de Limia que la situación de los pueblos de aquel distrito es angustiosa por efecto de la carestía del centeno. La usura se ceba despiadadamente en los pobres, explotando su miseria. Algunos facilitan centeno a préstamo con la condición de que se le entregue doble cantidad de la prestada, en la cosecha próxima”.

Eu espero que non se chegue a cousa semellante. Sobre todo porque, no mesmo xornal, pero do día catro de xuño de 1890, saía unha reducida noticia que dicía textualmente “En Ginzo de Limia la cosecha de centeno se presenta abundantísima”. Canta razón ten o refrán de que nunca choveu que non escampara.

Rafael Laso Lorenzo