domingo 22/5/22

Y alegro mi corazón con pico y barrenaaa

O conflito entre a agricultura e a minería non é novo, nin exclusivo da Limia, por moito que queiramos particularizar este...
Y alegro mi corazón

O conflito entre a agricultura e a minería non é novo, nin exclusivo da Limia, por moito que queiramos particularizar este “filón” que vimos de descubrir. Pero tamén é certo que se fai máis patente nos países menos desenvolvidos, e que a convivencia é algo máis pacífica nos que teñen unha tradición democrática vella.

En parte pode atribuírse o problema á lexislación, que en España outórgalle prioridade á minería. A propiedade do terreo, refírese exclusivamente á superficie, e ao que esta poda producir. Existen dereitos limitados encima da superficie para poder edificar, pero nunca para o subsolo.  A concesión para a explotación dos recursos do subsolo, rocas, minerais e augas termais, correspóndenlle ao primeiro que denuncie a súa existencia e utilidade. Este criterio non é xeneralizable a outros países, coma Francia, no que prima a oferta que o interesado faga, ben sexa económica, medioambiental e ou de interese social.

Esta eiva lexislativa podería entenderse cando o interesado é o propio estado, pero non resulta moi comprensible cando se trata dun particular co único fin lucrativo. Certo é que existen factores de corrección, pero nun país en que as leis se cumpren o xustiño por parte das administracións, e no que a corrupción abrolla nas catro estacións, agardar por algo que non sexa a rendibilidade inmediata é unha utopía.

A estas alturas tiñamos que ter claro o “que queremos ser de grandes”, e a que carafio dedicamos cada parte do noso territorio para concentrar alí os esforzos; porque non resulta moi comprensible que se gasten os cartos en concentracións parcelarias con fins agrícolas, para poñer areeiras, hipódromos, aeródromos, e similares.  E tampouco teño moito ánimo para demonizar  os feldespatos, entre outras cousas porque non estou moi seguro de que dende o punto de vista medioambiental sexan peores que os esquecidos lignitos, contra os que non lembro protestas, e case se vían coma a solución definitiva para a Limia.

Dende o punto de vista da percepción do territorio, unha mina a ceo aberto ten un forte impacto negativo, pero existen recursos para limitalo. Acórdome agora dunha visita de hai uns anos a unha canteira na zona de Göinge, en Suecia, incardinada nunha paraxe natural preciosa, imposible de ver dende lonxe, sen cascallos no contorno, e os accesos sen estragar polos camións; e compareina coas canteiras da “Reina Loba”, na que se continúa desfacendo outra paraxe   dunha singularidade mítica, xeolóxica, histórica e cultural difícil de atopar, e da que nos habemos arrepentir.

Se eu tivese que decidir, tería claro que na Limia prefiro a paisaxe agrícola, e tamén que este é o mellor futuro económico para esta terra, aínda tendo que ir ao poleiro a recoller cada día un ovo de ouro, sen presa, tendo a seguridade de que os nosos fillos tamén poderán facelo, e sen que podan poñernos desculpas,  porque xa escoitei por aí, que estragan máis a terra e a auga os métodos actuais de produción que calquera mina.

Y alegro mi corazón con pico y barrenaaa
Comentarios