A actuación para rehabilitar As Conchas custará case a metade da inversión inicial

A actuación para rehabilitar As Conchas custará case a metade da inversión inicial

A empresa Isolux Ingeniería S.A. gañou o concurso e realizará os traballos por 668.000 euros

REDACCIÓN redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

O concurso para a realización do proxecto de mellora da calidade das auga e recuperación ambiental das Conchas xa está adxudicado. Será a empresa Isolux Ingeniería S.A. a encargada dos traballos, por “ser a oferta economicamente máis vantaxosa, sen incorrer nunha baixada desproporcionada”. Así o aseguran desde a Confederación Hidrográfica Miño-Sil que grazas a esta empresa poderá reducir a súa inversión inicial de 1,1 millóns de euros a 667.998,61.

Os termos municipais de Bande e Muíños serán os principais beneficiados por esta actuación e os seus alcaldes recibían a nova con optimismo. Así, 15 meses despois que se inicien os traballos dúas das zonas de ocio máis concorridas da comarca recuperarán o esplendor de antano, a zona termal de O Baño e a praia fluvial de Porto Quintela. "É unha boa nova, ademais porque se están cumprindo os prazos que nos dixeron no seu momento. Esperemos que todo siga así e que se execute o proxecto correctamente para o uso e desfrute dos veciños", declaraba ao diario La Región o alcalde de Bande, José Antonio Armada.

A primeira fase do proxecto centrarase na mellora da calidade das augas, que será previa ao acondicionamento das áreas de ocio. A auga do encoro das Conchas encóntrase enormemente contaminada polo efecto das cianobacterias que se derivan así mesmo da alta concentración de puríns xerados pola actividade agropecuaria da Limia.

.