O alcalde de Vilar de Santos pide comparecer no Parlamento de Galicia

fotoparlamento
O alcalde de Vilar de Santos pide comparecer no Parlamento de Galicia
O rexedor limiao quere falar sobre a facturación “indebida” de Gas Natural Fenosa REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia O alcalde de Vilar de Santos,...

O rexedor limiao quere falar sobre a facturación “indebida” de Gas Natural Fenosa

REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia

O alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón pediu hoxe na solicitude que realizou no rexistro do Parlamento de Galicia a comparecencia voluntaria en Comisión para explicar a situación que el considera “de indefensión” dos concellos galegos diante das empresas subministradores eléctricas.

Acompañouno o candidato de Compromiso por Galicia ao Parlamento europeo, Paulo Carlos López. Ao acto tamén acudiron a Coordinadora Territorial da Coruña e concelleira en Muros, María Xosé Alfonso, e o tamén concelleiro de Vilar de Santos, Aldo Fernández. Xan Jardón lembrou que trala denuncia efectuada polo seu concello por irregularidades en materia de consumo, Gas Natural recoñece a sobrefacturación procedendo á devolución do último ano, “mais o que demandamos con firmeza é que nos devolva ata o último céntimo dos 58.202 € dos últimos cinco anos”.

Neste sentido Jardón pediu de igual xeito ao Parlamento de Galicia unha investigación para corroborar “o que xa está constatado polos concellos”, que é a facturación incorrecta, ademais de que se require á Comisión Nacional de Enerxía a súa posición ao respecto e se comprobe se as teses defendidas por este organismo son correctas e acordes coa lexislación vixente. De igual xeito o escrito presentado recolle a demanda ao Parlamento de Galicia da defensa dos intereses de concellos e consumidores galegos, e require á Xunta que actúe “no prazo máis breve posible”, e faga unha mostraxe xeral sobre a facturación das compañías subministradoras de enerxía eléctrica e adopte as medidas que procedan.