O BNG de Lobeira defende a súa postura ante os orzamentos porque "os resultados son incuestionables"

O BNG de Lobeira defende a súa postura ante os orzamentos porque "os resultados son incuestionables"

O voceiro do grupo nacionalista asegura que o PP tivo en conta tódalas enmendas que presentaron, e que con este proceder chegarase a débeda cero para 2015

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Despois de que o BNG do Concello de Lobeira se abstivese na votación para a aprobación das contas de 2014 o pasado día doce de novembro, postura que permitiu que a proposta do grupo de goberno (PP) saise victoriosa, e que xerou moitas  críticas entre outra das formacións da oposición, Xuntos por Lobeira, o voceiro nacionalista Antón Álvarez sae ao paso para defender este comportamento. O líder dos nacionalistas asegura que os populares tiveron en conta a meirande parte das enmendas presentadas pola súa formación sobre estas novas contas, como xa fixeran para os orzamentos de 2012, cos que a débeda do Concello desdendeu desde os 200.000 euros aos 116.000. Con estas cifras na man, Álvarez sostén que o "os resultados son incuestionables", e que de seguir o plan segundo está establecido, o municipio non deberá nin un céntimo para o ano 2015, polo que para eles a abstención era a elección "máis responsable".

Unha vez aclarados os números, Álvarez asegurou que o problema dos seus compañeiros de oposición é de "celos", pois deixou caer que os membros de XxL "comentan  no ámbito amical que as propostas económicas do BNG son boas e que están dando resultados, pero que non se conta con eles para nada". Asemade, o voceiro nacionalista declarou que mentres o BNG é un adversario politico, os independentes semellan máis "un inimigo persoal do grupo de goberno".