A Consellería de Medio Ambiente elimina sete puntos de vertido incontrolado no Concello de Sarreaus

Hearthstone Screenshot 08-08-18 13.46.55
A Consellería de Medio Ambiente elimina sete puntos de vertido incontrolado no Concello de Sarreaus

Os traballos de limpeza, recollida de residuos e revexetación do chan comezaron en xullo e veñen de rematar esta semana cun investimento total de 27.537,99 euros

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de rematar os traballos para a eliminación de 7 puntos de vertido incontrolado (PVI) no concello de Sarreaus. Esta actuación medioambiental enmárcase nunha campaña do Goberno galego dotada para este ano dunha partida de preto dun millón de euros e coa que aspira a erradicar aproximadamente 140 PVI en toda Galicia.

No caso do concello de Sarreaus, os 7 acúmulos de residuos estaban localizados concretamente nos lugares de Cortegada, Veredo, Villariño, Saas, Freixo, Monte Cabalar e Lodosedo. Os traballos por parte da Xunta comezaron a finais de xullo e déronse por concluídos esta mesma semana, cun custo total de 27.537,99 euros. As actuacións levadas a cabo consistiron basicamente na recollida, clasificación e retirada do material acumulado nestes 7 PVI e na revexetación mediante a achega e o estendido de terra vexetal e a hidrosementeira do solo.

Cómpre lembrar que os puntos de vertido incontrolado son pequenos focos nos que se van depositando e acumulando residuos sólidos de distinta natureza, co prexuízo correspondente para a contorna desde un punto de vista ambiental e estético. O material que se adoita a localizar nestes espazos consiste fundamentalmente en obxectos domésticos e pequenos restos de obras de edificación como vidro, plásticos, pneumáticos e mestura de residuos de construción.

Coa limpeza destes puntos de vertido perséguese minimizar e corrixir os impactos orixinados nas zonas nas que se localizan, logrando a integración do lugar coa súa contorna e eliminando o hábito que existe en parte da poboación de seguir depositando lixo nestes lugares.

Correcta xestión dos residuos

Este tipo de actuacións por parte da Xunta forman parte dunha estratexia global continuada para a correcta xestión dos residuos, na que tamén se inclúen outro tipo de instalacións, como son os puntos limpos.
O obxectivo deste tipo de programas é facilitar aos concellos o cumprimento das súas competencias en materia de residuos urbanos e permitir aos cidadáns realizar unha correcta xestión dos mesmos, segundo o establecido na xerarquía europea de residuos, é dicir, prevención, reciclaxe ou valorización material, valorización enerxética e eliminación.