CxG leva ao ex alcalde de Celanova ante a Fiscalía por un presunto delito de fraude

CxG leva ao ex alcalde de Celanova ante a Fiscalía por un presunto delito de fraude

Antonio Mouriño tería solicitado unha prestación por desemprego irregular coa colaboración da alcaldesa en funcións, Pilar Regueiro

Antonio Mouriño tería intentado cobrar o paro de maneira irregular durante o tempo que separou a súa renuncia como alcalde da vila de Celanova e a investidura como deputado pola provincia de Ourense no Parlamento de Galicia. Para lograr dito trámite, o ex rexedor tería contado coa axuda da que era naquel momento alcaldesa en funcións, Pilar Regueiro. Xuntos terían simulado un cese involuntario do alcalde, mediante un modelo de certificado de empresa asinado por Regueiro. De confirmárense os feitos, ambos terían incorrido nos delitos de fraude e falsificación de documento público. Co fin de botar luz sobre o acontecido, os membros de Compromiso por Galicia informaron onte á Fiscalía Provincial para que abra unha investigación. O abandono da alcaldía por parte de Mouriño produciuse o pasado verán por unha renuncia voluntaria, ante a incompatibilidade que establece a lexislación vixente entre os postos de rexedor e deputado. Ademais, non era á alcaldesa en funcións a quen lle competía a firma do certificado, pois esta tarefa resérvase en exclusiva aos funcionarios de carreira. Unha vez recompilados estes datos, o Coordinador Territorial de Compromiso por Galicia en Ourense, Xosé Manuel Pérez Bouza e o voceiro do partido en Celanova, Manuel Súarez Santalices presentaron o escrito no Pazo de Xustiza ourensán para que se investigue se Mouriño e Regueiro finalmente cometeron algún delito.