Gran afluencia na X Festa Popular do Concello de Baltar

baltar X (4)
Gran afluencia na X Festa Popular do Concello de Baltar

Máis de 450 persoas se achegaron a merenda-cea e participaron na festa

Onte celebrouse a X Festa Popular do Concello de Baltar, que, como o propio alcalde do concello nos explicou, “baséase en fomentar a relación cos nosos irmáns portugueses; en potenciar as tradicións e en animar á xente a prol dunha vida saudable”.

Durante toda a tarde, houbo xogos populares e tradicionais, tute e brisca, damas e xadrez, chave e billarda, rá e futbolín, ping-pong e xogo da porca, vintos e carreira de sacos, e tiro á corda. Os xogo dos vintos, que se practicaba o longo da fronteira fai arredor de cen anos, buscouse recuperarse nesta Festa Popular, pois estaba extinto pero, como o alcalde dí “grazas a recuperación que fixemos na Festa, volve a practicarse noutros sitios tamén”.

Tamén houbo animación especial con inchables e toro mecánico para os máis pequenos, e a partir das 20.15 horas tivo lugar unha exhibición de parapente e paramotor. Posteriormente entregaronse os premios e trofeos dos gañadores dos xogos que aconteceron durante toda a tarde.

baltar X (3)

Posteriormente, proxectouse un vídeo en defensa da natureza e ás 21.30 horas tomou protagonismo da xornada a gastronomía cunha merenda-cea con degustación de produtos da terra, amenizada polo grupo Xeitosiñas de Baltar, as Concertinas de Montalegre (Portugal), a Banda de Gaitas A Raia de Baltar, e polo Grupo de Acordeonistas Bieito de Ourense. Na cea viuse a cantidade de xente que participou, pois había espazo para unhas 450 persoas e fixo falta máis, e non só iso, tamén poidemos ser testigos do turismo que move A Limia durante o verán, pois falamos con rapaces e rapazas que viñan de Cataluña e outros sitios de España.

baltar X (1)

Finalmente, ás 22.30 comezou a sesión de noite co Trío Vaivén, e á medianoite realizouse unha proba voluntaria de alcoholemia na que se repartiron camisetas co lema “Engánchate á vida sá” para todos aqueles que conseguiron un rexistro 0,0 na proba.