Gundín e Niñoadaguia en preitos pola auga

Gundín e Niñoadaguia en preitos pola auga

A titularidade do monte onde se localiza un depósito ten enfrontados aos veciños, que xa pediron a mediación dos correspondentes concellos pero que seguen sen lograr acordo

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

A captación e depósito de auga que hai no monte que une o lugar de Gundín, no termo municipal de Xinzo de Limia e o de Niñodaguia en Baltar, están sendo motivo de discusión entre os veciños. Por unha banda, os 70 habitantes de Gundín que se abastecen grazas a estas infraestruturas aseguran ter realizado eles as obras correspondentes, con cartos reunidos pola propia aldea, pero os seus veciños de Baltar reclaman a propiedade do monte.

Co fin de poñer punto e final a este conflito, pediron a intervención dos alcaldes, pero nin Antonio Pérez nin José Antonio Feijoo son quen de dar a salomónica sentenza, nin de poñerse de acordo a pesar de ser compañeiros de partido. “O problema está tan enquistado que xa é difícil de solucionar”, asegura Feijoo. O seu homólogo en Xinzo comprometeuse “a prestar toda a colaboración e axuda aos veciños para solucionar o problema”. Pero a pesar das boas intencións dos líderes parece que a solución aínda está lonxe. É máis, as administracións locais intentaron xa en dúas ocasións orquestrar unha reunión na que os veciños chegasen a un acordo, pero pola falta dalgunha das partes nunca chegaron a celebrarse.

Gundín reclama así mesmo para si, a propiedade dos terreos e alegan que levan facendo uso das augas do manancial máis de 20 anos. Ante a vehemencia con que as partes defenden as súas posturas ámbolos dous concellos xa puxeron aos seus técnicos a traballar, para que desvelen a quen pertence en realidade esta área e dar por rematado o conflito.