Lobios, centro neurálxico da potenciación do Camiño Miñoto-Ribeiro

Lobios
Lobios, centro neurálxico da potenciación do Camiño Miñoto-Ribeiro
Os alcaldes dos Concellos polos que discorre a ruta déronse cita no municipio da Baixa Limia REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia O Camiño Miñoto Ribeiro...

Os alcaldes dos Concellos polos que discorre a ruta déronse cita no municipio da Baixa Limia

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

O Camiño Miñoto Ribeiro que une Melgaço con Compostela “merece unha figura administrativa que o impulse e poña en valor”. Esta foi a conclusión da reunión dos alcaldes de Arnoia, Cortegada, Lobios, Padrenda e Vedra no municipio da Baixa Limia, onde acordaron a creación dunha mancomunidade ou asociación que loite polo recoñecemento oficial da ruta, seguindo o exemplo dos Concellos que integran o camiño Francés ou o de Inverno.

O pasado xoves, Lobios celebraba o acto inaugural da mostra “Queremos SaudArte desde o Camiño Xacobeo Miñoto-Ribeiro”. A súa rexedora, Mari Carmen Yáñez recalcaba a importancia de "por de manifesto o camiño, unha das rutas de peregrinación máis antigas e tamén das máis descoñecidos". Rogelio Martínez, delegado da Xunta tamén estivo presente e quixo destacar o proceso de delimitación dos camiños de Santiago que leva a cabo a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. “Unha vez conclúan estes traballos, poderán ser iniciados os estudos históricos para aqueloutros camiños que, sen estar citados na lei, podan ser considerados tamén rutas históricas de peregrinación a Santiago. Este pode ser o caso do camiño Miñoto Ribeiro”, asegurou Martínez.

Esta exposición está organizada pola área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Vigo, e conta coa colaboración da Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro e do colectivo Medicina e Arte, formado por un grupo de médicos vinculado ao mundo das artes plásticas. A Asociación Camiño Xacobeo Miñoto Ribeiro leva desde o ano 2009 traballando na posta en valor desta ruta como unha das rutas de peregrinación a Santiago. Neste sentido, a mostra presentada hoxe ten como obxectivo, segundo os seus organizadores, “fomentar a investigación sobre o camiño Miñoto-Ribeiro e dar un paso máis cara a súa legalización como unha ruta xacobea oficial”.