Sendeirismo, música e gastronomía no “Xurés Walking Festival”

José Antonio Armada, Israel León, Elisa Martínez, Ana Canal, Rosendo Fernández, Marta Delgado, Antonio Iglesias e Mª Carmen Yáñez
Sendeirismo, música e gastronomía no “Xurés Walking Festival”

O primeiro Festival de Sendeirismo do Xurés, o “Xurés Walking Festival”, ofrecerá do 18 ao 22 de xullo, na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, un completo programa de actividades que mestura sendeirismo, música e gastronomía.

A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o concelleiro de Turismo de Muíños, Israel León Rodríguez; a alcaldesa de Lobios e os alcaldes de Bande e Lobeira, Mª Carmen Yáñez, Jose Antonio Armada e Antonio Iglesias; e as organizadoras, Marta Delgado e Ana Canal.

O Festival ofrece un total de 19 rutas de diferente duración (día completo ou medio día) e outras delas están dirixidas a familias e aos máis cativos adaptadas as súas idades e deseñadas para mesturar a formación medioambiental co goce da natureza. Así mesmo, tódolos días haberá un espazo infantil aberto para os máis cativos. Por último, as rutas complétanse coa celebración de veladas tódalas noites onde os participantes poderán degustar unha cea a base de produtos típicos da zona amenizada con música tradicional en concerto.

Os interesados en participar poderán inscribirse, tal e como dixo Ana Canal, a través do correo electrónico ecoturismoxures@gmail.com, ou a través dos números de teléfono: 617.164.082 ou 696.760.910.

Mª Carmen Yáñez destacou, en nome dos concellos colaboradores (Muíños, Lobeira, Lobios, Entrimo, Calvos de Randín e Bande), “o apoio a este tipo de iniciativas privadas que completan a oferta cultural e deportiva que estamos a levar a cabo entre todos nós, porque traballamos de maneira coordinada na dinamización da Baixa Limia e do Xurés”. Asemade, a alcaldesa de Lobios dixo que este evento con “atractivo gastronómico e natural, redunda no beneficio, dinamización e difusión do noso territorio”, e salientou a inclusión no programa do evento de rutas deseñadas para familias que permiten que “pais e fillos gocen da natureza e fagan deporte xuntos”.

Marta Delgado explicou que o obxectivo deste evento é “mostrar e poñer en valor a nosa terra a través de rutas, da música e da gastronomía, dando un impulso á zona do Xurés”, e salientou que este proxecto “engloba a toda a comarca e permite mostrar tódolos nosos atractivos patrimoniais e naturais, o potencial turístico e histórico desta zona, nesta edición e nas vindeiras”.