Os Concellos de Xinzo, Bande e Lobios teñen representación na 15ª edición deste Salón que se celebra en Expourense
REDACCIÓN
O Entroido é o protagonista dos postos que os Concellos de Xinzo e Bande instalaron na 15ª edición de Xantar, o Salón Internacional de Gastronomía e Turismo que se inaugurou hoxe en Expourense. A Pantalla e o Troteiro presiden os recunchos dedicados a dar a coñecer estes municipios bañados polo río Limia. A promoción do Concello de Lobios, tamén presente na feira, céntrase no patrimonio natural e gastronómico, presumindo dos callos limiaus.
Este mediodía arrincaba Xantar 2014 ca presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, o presidente da Federación de Empresarios de Hostalería, Ovidio Fernández e o director de Expourense Alejandro Rubín. De parte do país invitado desta edición, Cuba, asistiu ao acto José Antonio Solana o cónsul da República en Galicia.
A pataca da Limia, o Corazón da Terra, que pode degustarse no restaurante organizado polo INORDE acompañada de luras da Ría, ou en forma de torta e con crema de castañas, é a aposta máis representativa da comarca no eido gastronómico.
Esquecemento e Peixe
Ademais do Entroido e a pataca, as comarcas limiás ofrecen ao visitante outras celebracións nas que os disfraces e a gastronomía tamén levan a voz cantante, son o caso das festas do Esquecemento e o Peixe. Desde estes municipios e aproveitando o escaparate que supón este salón, que adquiriu desde este ano a categoría de internacional, buscan dar difusión a estas festas de verán nas que a recreación do pasado e o bo comer son o máis importante.