"Transforma Ourense” continuará con visitas guiadas para coñecer experiencias de éxito empresarial

1A A Foro Transforma Ourense
"Transforma Ourense” continuará con visitas guiadas para coñecer experiencias de éxito empresarial
As xornadas, que tiñan como obxectivo promover iniciativas para emprendedores no medio rural, clausurábanse esta mañá en Bande REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia O Foro...

As xornadas, que tiñan como obxectivo promover iniciativas para emprendedores no medio rural, clausurábanse esta mañá en Bande

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Twitter: @Dendealimia

O Foro "Transforma Ourense", que pon en marcha a Deputación de Ourense co obxectivo de favorecer a creación de emprego e emprendemento no rural ourensán, terá a súa continuidade cos visitas guiadas para que os participantes coñezan experiencias de éxito empresarial, que lles permitan recabar información práctica para aplicar estes coñecementos na creación do seu propio proxecto empresarial. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, clausurou hoxe o evento na Sala de Conferencias do Centro Aquis Querquennis de Bande xunto co alcalde do municipio, José Antonio Armada, impulsor da idea, unha xornada que ten como obxectivo promover iniciativas para emprendedores e desempregados no medio rural.

No foro expuxéronse exemplos de proxectos agroalimentarios, cooperativas, recursos naturais e forestais, banco de terras, montes en man común e aspectos financeiros e empresariais, que proximamente os participantes coñecerán "in situ" nunha rolda de visitas guiadas organizada pola Área de Benestar da Deputación.

Manuel Baltar expresou o seu agradecemento ao alcalde de Bande por esta iniciativa e a Área de Benestar da institución pola organización e o éxito de participación acadado, "porque iniciativas como esta nos permiten poñer en valor o potencial e a riqueza do noso territorio provincial para que emprendedores e desempregados poidan iniciar un proxecto empresarial baseándose en experiencias que teñen demostrado unha contrastada calidade e un éxito incuestionable, tanto nacional como internacionalmente".

Nas xornadas, os relatores –empresarios e técnicos- deron a coñecer iniciativas empresariais e proxectos de éxito dando a súa visión das ferramentas que os emprendedores teñen a súa disposición para iniciar un proxecto empresarial no rural e as potencialidades que este medio ten. Foron 14 relatorios específicos sobre agroalimentación, viveiros, produción de oliveira e aceite, apicultura, banco de terras, xestión das augas, comercio electrónico orientado á comercialización de produtos do medio rural, loxística, aproveitamento do monte, patrimonio e turismo, que terán a súa continuidade noutras comarcas da provincia de Ourense.