VILAR DE SANTOS DESTINA 116.724 EUROS Á RENOVACION E MELLORA DE CAMIÑOS

Camiños Vilar de Santos (2)
VILAR DE SANTOS DESTINA 116.724 EUROS Á RENOVACION E MELLORA DE CAMIÑOS

O Concello de Vilar de Santos executou no 2014 varios proxectos incluídos nun completo e amplo Programa de Infraestruturas

O Concello de Vilar de Santos executou no 2014 varios proxectos incluídos nun completo e amplo Programa de Infraestruturas con diversas actuacións de renovación e mellora viaria e conservación e protección do medio rural e natural en todo o municipio, Programa que terá continuidade neste ano 2015 e no que se investirán uns 116.724,86 euros.

Cun orzamento total de 83.454,89 euros, xa comezou a execución dun Proxecto de mellora de camiños rurais, incluído dentro do Plan Marco de mellora de camiños de titularidade municipal 2014-2015, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). Este proxecto contempla a mellora nun total de 17 Km da rede municipal de camiños agrícolas da concentración parcelaria e outros camiños de acceso a prados e monte. Un total de 24 camiños nos pobos de Laioso, Bréixome de Arriba, Bréixome de Abaixo, A Venda, Toxediño, Outeiro, Parada, O Vieiro, A Ponte, O Mosqueiro, Castelaus, As Casas da Veiga e Vilar de Santos. As obras consistirán na nivelación e acondicionamento das pistas con zahorra e posterior limpeza de cunetas para evitar os encharcamentos e desbordamentos.

Na zona de Rede Natura do concello investiranse un total de 6.269,97euros nun Km mais de camiños nunha actuación dirixida á mellora da paisaxe agraria coa limpeza e restauración das pistas de acceso ás fincas desta zona do río Limia, cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente.

Estas actuacións son fundamentais tanto desde o punto de vista de mellora e renovación das infraestruturas como desde a actividade agraria e sumase ao arranxo e mellora de 19 Km de camiños feitos o ano pasado 2014. Con este programa bianual de mellora, quedarán reparados 37 Km de camiños, practicamente a totalidade da rede municipal de camiños agrícolas fundamentais para facilitar o tránsito e o acceso ás fincas, granxas, pero tamén para tratar de previr os efectos negativos do encharcamento de auga nos camiños e nas terras de cultivo e manter a actividade e dinamismo no sector agrogandeiro, estratéxico para o concello.

Incluído, tamén comeza un proxecto de obras con rexeneración do pavimento asfáltico na rede viaria en varios pobos, por un importe de 20.000 euros.

Coa finalidade de mellorar as posibilidades de conservación e de desfrute da paisaxe e do medio natural e patrimonial actuarase na rede de sendeiros e a súa conexión co resto de camiños do concello, totalmente aptos para realizar as rutas camiñando ou en bicicleta BTT, nos sendeiros de Castelaus, o Ruxidoiro e o de Parada.

Ademais deste conxunto de proxectos temos previsto un esforzo adicional para poñer en marcha outros traballos de recuperación de camiños tradicionais, o desbroce e limpeza en todos os pobos e espazos públicos e a limpeza dos regatos e desaugadoiros.