Vilar de Santos fala de “burla” ante a actitude de Gas Natural Fenosa

Dende a Limia 1
Vilar de Santos fala de “burla” ante a actitude de Gas Natural Fenosa
A empresa comprométese a devolver o mal facturado no último ano despois de que o Concello denunciara prácticas fraudulentas REDACCIÓN redac@dendealimia.com O pasado...

A empresa comprométese a devolver o mal facturado no último ano despois de que o Concello denunciara prácticas fraudulentas

REDACCIÓN redac@dendealimia.com

O pasado mércores o alcalde de Vilar de Santos, Xan Jardón comparecía ante os medios para denunciar a facturación fraudulenta que levou a cabo a empresa Gas Natural Fenosa ao Concello por un período de cinco anos. Apenas seis horas despois, a empresa de enerxía emitía un comunicado de resposta no que admitía que lle estaba facturando indebidamente aos concellos, e que lle devolvería a este consistorio da Limia o que lle cobrou de máis no último ano. Porén, o alcalde de Compromiso por Galicia considera este movemento da compañía “inaceptable e unha burla” e esixe a “devolución do importe total íntegro de 58.202, 57 euros”.

A reacción da empresa, que tal e como resalta Jardón “asume o fondo da nosa reclamación”, pareceulle de “grande gravidade e cinismo” para cos concellos galegos e os consumidores. Asegurou que “non estamos dispostos a que Gas Natural Fenosa nos tome o pelo, polo que non imos admitir baixo ningún concepto que nos devolvan unicamente un ano”. Desde CxG sinalan tamén á Xunta e á FEGAMP pola “súa pasividade diante desta situación”. Polo que se desprende do comunicado da empresa, Vilar de Santos non sería o único municipio que podería estar pagando de máis no recibo da luz, por iso desde o partido galeguista instaron “a tódolos concellos galegos para que revisen a facturación e, se aínda non o fixeron, presenten as súas reclamacións, polo ben da veciñanza”.