VILAR DE SANTOS IMPULSA UN PLAN DE COMPETITIVIDADE DO SOLO INDUSTRIAL

Parque empresarial Vilar de Santos 2015
VILAR DE SANTOS IMPULSA UN PLAN DE COMPETITIVIDADE DO SOLO INDUSTRIAL

Para incentivar a instalación de novas empresas no Parque Empresarial e dinamizar a actividade económica e o emprendemento no concello

A dinamización económica ten sido un obxectivo prioritario para o Concello de Vilar de Santos, optando polo aproveitamento e posta en valor dos recursos e capacidades locais para dotarnos de infraestruturas e servizos públicos de calidade con proxectos e investimentos realizados nos últimos anos no ámbito do desenvolvemento económico, os servizos sociais e benestar, a cultura e o patrimonio e os equipamentos públicos.

Partindo da nosa base agraria, o Concello apostou por novas áreas de desenvolvemento coa posta en marcha do Parque Empresarial de Santa Marta, xa no ano 1998. Ocupa na actualidade 225.000 m2 de superficie con 23 empresas instaladas que dan emprego directo a máis de 110 persoas, ás que hai que sumarlle o emprego inducido.

Nunha coxuntura como a actual, as administracións públicas temos un importante papel na busca de novas alternativas, fomentando a actividade económica no entorno local.

Impulsamos e poñemos en marcha un Plan de Competitividade do solo Industrial do concello. Pretendemos activar a venda do solo industrial do Parque Empresarial e desta forma dinamizar a actividade económica e o emprendemento, co obxectivo tanto de reforzar o tecido empresarial do concello, modernizando e mellorando a súa competitividade, como de impulsar e fixar novas empresas con capacidade para xerar novos postos de traballo e consolidar as bases para que as diferentes iniciativas teñan e vexan en Vilar de Santos un espazo atractivo para investir e asentarse.

Neste momento, restan no Parque Empresarial 33.000 m2 de solo industrial de propiedade municipal cunha ubicación estratéxica e gran nivel de servizos (sistema de Saneamento-Abastecemento Integral, enerxía - iluminación, sistema de telecomunicacións de alta capacidade, zonas verdes…), de dispoñibilidade plena e apto para a implantación de novas empresas e iniciativas.

Entre as principais medidas aprobadas que recolle o Plan nunha primeira fase, destacan:

  • Acceso inmediato ao solo industrial dispoñible. En concreto, está prevista a venta de máis solo, cunha rebaixa do 10% no prezo establecido respecto da ultima venta pública, quedando fixado o prezo final en 18 euros/ m2. Un prezo moi competitivo, social e responsable.
  • Outra medida importante vai ser o Arrendamento con opción de compra de parcelas. O concello concede aos arrendatarios, un dereito de opción de compra da parcela polo prezo de venda sinalado. A renda queda fixada no 6% anual do prezo de venda de cada parcela.
  • Outro paso máis, estableceuse unha liña de incentivos coa modificación da Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras – o ICIO, fixando unha bonificación do 80% da cota do imposto a favor daqueles proxectos que sexan declarados de especial interese municipal por fomentar e crear emprego en Vilar de Santos.
  • Posta a disposición e segregación de parcelas de diferentes tamaños.
  • Seguridade xurídica, competencia técnica e axilidade nos trámites de licenza.
  • Priorizar a instalación de proxectos, servizos e empresas do sector agrario e agroalimentario, estratéxico no concello e na Limia.
  • A Axencia de Desenvolvemento Local do Concello multiplicará o seu labor tanto no apoio ás empresas asentadas no concello, como á creación de novas, a formación, a xestión de axudas e subvencións de interese e no asesoramento, información e asistencia para os emprendedores en novos proxectos e iniciativas.
  • Estableceranse novas accións de dinamización e estudio de alternativas relacionadas coa promoción das empresas e dos diferentes sectores de actividade, ao mesmo tempo que tamén se analizan outras medidas e incentivos así como novas posibilidades de inversión no concello.

Paralelamente a este paquete de medidas que configuran o Plan, hai un conxunto de proxectos executados e outros previstos nas infraestruturas e dotación de servizos públicos que xa están incidindo positivamente na mellora e nas posibilidades do concello. \“Coa capacidade e garantía do concello acometeremos os investimentos necesarios con recursos propios e atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no benestar social e na mellora da calidade de vida para todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos. Actuacións que demostran a aposta do grupo de goberno do Concello por seguir impulsando un modelo de desenvolvemento propio, que fomenta e apoia a economía produtiva, o aproveitamento e posta en valor e diversificación dos nosos recursos e produtos e un paso mais no noso obxectivo de que Vilar de Santos siga a ter unha transformación positiva e un desenvolvemento económico e social equilibrado\”, di o alcalde, Xan Jardón