Vilar de Santos pon en marcha unha feira mensual

Cada 2º domingo de mes. FEIRA no Concello de Vilar de Santos
Vilar de Santos pon en marcha unha feira mensual
Para o Concello de Vilar de Santos ten sido un obxectivo prioritario e temos optado dunha maneira clara polo aproveitamento...

Para o Concello de Vilar de Santos ten sido un obxectivo prioritario e temos optado dunha maneira clara polo aproveitamento e posta en valor dos nosos recursos e das capacidades locais para impulsar un modelo de desenvolvemento propio

O próximo domingo día 13 de xullo iniciamos unha nova etapa en Vilar de Santos coa posta en marcha dunha Feira mensual, un acontecemento que ven completar esta liña de traballo do concello para apostar por novas alternativas de futuro que incentiven e faciliten todo tipo de actividades no medio rural, compaxinando a tradición, coa modernización e a diversificación xerando espazos de convivencia.

As feiras forman parte da nosa tradición e foron sempre lugares de intercambio e encontro e lecer, algo que queremos recuperar.

Partindo da nosa base agraria, apostamos por novas áreas de desenvolvemento para dotarnos de infraestruturas, servizos e equipamentos públicos de calidade coa posta en marcha do Museo da Limia, o Parque empresarial coa creación de empresas, o Centro de Atención de Persoas Maiores, o Centro de Innovación, a Area de Rehabilitación, a Escola Infantil e agora a Feira mensual, iniciativas que son unha mostra do traballo colectivo destes anos e unha declaración de principios. Son tamén proxectos que contribuíron a aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, a mellorar as perspectivas de futuro e frear o envellecemento e a despoboación no medio rural, e revitalizar os pobos.

Na Feira, ademais do polbo e carne, contaremos cunha boa mostra de produtos de elaboración artesanal e de calidade do propio concello e do resto de concellos da Reserva da Biosfera, como os queixos, as cervexas, marmeladas, licores, xabóns naturais, pan e empanadas, ademais dos habituais postos de venta ambulante de roupa e cacharros. Pretendemos crear e fomentar un novo espazo de compra e venta directa de proximidade de produtos que se elaboran nesta área.

A Feira estará situada na praza do concello e estaba aberta toda a mañá do domingo. Posteriormente terá continuidade e celebrarase o segundo domingo de cada mes.

Os que queiran aproveitar o día poderán disfrutar tamén da piscina pública e os xardíns emprazados no mesmo recinto.