A Xunta destina 65.000 euros á renovación da Rede de Abastecemento e Saneamento na Penteira e en Santa Baia, en Rairíz de Veiga

180727 convenio RairizdeVeiga
A Xunta destina 65.000 euros á renovación da Rede de Abastecemento e Saneamento na Penteira e en Santa Baia, en Rairíz de Veiga

Na actualidade os servizos básicos de saneamento e abastecemento atópanse en mal estado, rexistrando frecuentes problemas e avarías.

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Rairiz de Veiga, Josefa Morgade Rúa, asinaron un convenio de colaboración polo que Augas de Galicia destina 65.000 euros para os traballos de renovación de rede de abastecemento e saneamento na Penteira e en Santa Baia.

Os traballos consistirán na mellora da rede en dous núcleos rurais Santa Baia e Penteira. Ambos presentan problemas polo deteriorado estado no que se encontran as redes actuais de abastecemento e saneamento.

En Santa Baia preténdese a execución dunha reposición da rede de abastecemento de case 150 metros de lonxitude, unha reposición da rede de saneamento de 160 metros de lonxitude e unha nova rede de pluviais de 12 metros de lonxitude. En Penteira, a reposición da rede de abastecemento afectará a 80 metros de lonxitude, a de saneamento a 75 metros e instalarase tamén 25 metros de tubaxe para augas pluviais.

Mato Otero destacou a importancia de levar a cabo esta actuación, por canto axudarán a evitar filtracións ao medio e asegurar un servizo de calidade para os veciños destes núcleos; sobre todo tendo en conta que, na actualidade, os servizos básicos de abastecemento e de saneamento atópanse en mal estado, presentando frecuentes problemas e avarías.