lunes 25/10/21
“Trail do Xurés”

2ª edición do "Trail do Xurés"

A segunda edición desta proba que organiza o Inorde coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, celebrarase o vindeiro sábado, 25 de setembro, no termo municipal de Muíños

Presentación "trail Xures" 2021

A Deputación de Ourense continúa a impulsar o turismo deportivo provincial coa celebración da segunda edición do “Trail do Xurés”, proba que se disputará o vindeiro sábado, 25 de setembro, a partir das 16.30 horas, no termo municipal de Muíños. A presentación do evento deportivo tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

O “Trail do Xurés” forma parte do “ecosistema de turismo deportivo que estamos a poñer en valor desde hai tempo asistindo, nestes últimos tempos, case a proba por semana como a “Arnoia Termal Bike”, a marcha cicloturista pola Ribeira Sacra, a Volta Ciclista Feminina a España e, en definitiva, seguimos con esa aposta desde o goberno provincial e nesta ocasión en Muíños que é unha das postais da provincia de Ourense e de Galicia, con ese Complexo Turístico do Corgo, que desde a Deputación temos o compromiso de continuar a impulsar porque poucos lugares hai en Galicia tan fermosos e que se adapten tanto a esa idea que temos de turismo deportivo”, explicou o presidente da Deputación de Ourense.

Os participantes no “Trail do Xurés” como no resto de probas deportivas son “prescriptores de opinión e repiten e recomendan, e grazas á Gladiator Race e ás outras probas que puxemos en marcha nos últimos tempos, estamos a dar visibilidade a este territorio”, dixo Manuel Baltar, quen lembrou que estamos a pouco tempo de que chegue o AVE e “este tipo de probas, coas que xa temos experiencia e coas que quedou acreditada a capacidade de xestión para poñelas en marcha, van a ser lanzadeiras dese protagonismo que Ourense merece”, dixo Manuel Baltar.

Esta proba, organizada polo Inorde coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia, celebrarase “un día despois de que se aproben os orzamentos desta Deputación para o ano 2022, unha vez máis serán os primeiros de calquera administración pública en España, é dicir, o primeiro documento orzamentario do 2022 aprobarase en Ourense”, engadiu o presidente do goberno provincial.

O percorrido da “Trail do Xurés” será de 17 quilómetros cun desnivel aproximado de 600 metros que levará “aos 200 participantes a coñecer lugares emblemáticos e de gran beleza de Muíños e da nosa comarca, así como os nosos produtos o que nos axuda a tratar de frear, na medida posible, a despoboación galopante dos concellos rurais”, sinalou o alcalde de Muíños, quen agradeceu, unha vez máis, a colaboración do presidente da Deputación de Ourense, nesta ocasión a través do Inorde, e da Xunta de Galicia, para desenvolver esta proba porque “así é como se fai provincia achegándonos aos concellos que están máis afastados da capital”.

Pola súa parte, Nava Castro dixo que o “Trail do Xurés” é “outra das probas que forma parte do convenio de colaboración asinado entre o Inorde e a Turismo de Galicia para realizar ao longo do ano diferentes eventos que contribúan a promocionar o potencial turístico da nosa provincia a través do deporte e supoñan un pulo para os sectores económicos de proximidade”.

Para a directora da Axencia de Turismo de Galicia, este tipo de probas contribúen a que a provincia de Ourense “continúe a gañar enteiros como un destino turístico completo, con atractivos que o converten nun destino turístico diferenciado e exclusivo”.