8 euros por hora e media será o custe da pista de Padel

Pista de Padel
8 euros por hora e media será o custe da pista de Padel

Non poderán acceder os menores de 14 anos, salvo que conten coa supervisión dun adulto

O Concello de Xinzo de Limia vén de facer pública a ordenanza que regula o uso das pistas de pádel. Acordouse o cobro das instalacións ante a gran demanda existente e para ordenar o acceso, comprometer aos usuarios coa boa utilización e mantemento das pistas e reducir o número de anulacións de reservas. As pistas abríronse no período estival, despois de construírse cunha inversión de 48.000 euros, con cargo a unha subvención da Deputación de Ourense de 35.000 euros e unha aportación municipal do resto. Coa súa inauguración facilitouse o acceso da cidadanía a un deporte que nesta pandemia aumentou a demanda, xa que permite xogar ao aire libre e manter a distancia de seguridade.

Segundo a ordenanza, o prezo de hora e media por pista é de 8 euros. O seu uso queda prohibido a menores de 14 anos, salvo que se encontren baixo a supervisión dunha persoa maior de idade. Tampouco se poderán dar clases por parte de particulares, salvo as organizadas coa intervención do Concello.

En canto as reservas das pistas, as quendas realizaranse por un mínimo de unha hora e media e nas franxas establecidas pola Concellería de Deportes, que dirixe Rafa Penabad e que nos últimos meses puxo en marcha unha app que permite facilitar este trámite a veciños e visitantes. Esta aplicación gratuíta, que pode atoparse facilmente nas tendas de IOS e de Android dos dispositivos móbiles buscando por Xinzo de Limia, é de fácil manexo e só será necesario rexistrarse cun documento de identidade e un contrasinal para comezar a empregala.

Os usuarios que fagan mal uso das instalacións ou provoquen danos de maneira intencionada poderán ser sancionados sen utilizar a pista, ademais de co abono dos danos causados.

O número máximo para utilizar a pista é de catro persoas e os acompañantes non poderán acceder ás instalacións. Dentro delas non está permitido fumar, comer nin introducir obxectos de vidro ou calquera outro que poida causar danos. Tampouco está permitida a entrada de animais.