Abertas as inscricións para participar na marcha cicloturista pola Ribeira Sacra

Ribeira Sacra Cycling Road
Abertas as inscricións para participar na marcha cicloturista pola Ribeira Sacra

Volve este 24 de setembro con dous percorridos de 115 e 70 quilómetros

O Inorde organiza, co apoio de Turismo de Galicia, a segunda edición da marcha cicloturista pola Ribeira Sacra tralo éxito logrado o ano pasado na súa estrea. A proba, de carácter non competitivo, celebrarase o vindeiro 24 de setembro, coa saída a partir das 9.30 horas, na localidade de Luíntra, no Concello de Nogueira de Ramuín.

Os interesados en sumarse a esta espectacular proba que transita por un dos lugares máis icónicos da provincia de Ourense, poderán escoller entre o percorrido de gran fondo de 115 quilómetros e de +2.800 metros de desnivel, e o minifondo de 70 quilómetros cun desnivel de +1.700 metros. A “Ribeira Sacra Cycling Road” contará cun tramo cronometrado con circulación libre que incluirá a última subida, e outorgarase un premio especial aos tres primeiros e primeiras de dito tramo.

Imaxe da primeira edición da marcha cicloturista pola Ribeira Sacra organizada polo Inorde
Imaxe da primeira edición da marcha cicloturista pola Ribeira Sacra organizada polo Inorde

O padriño oficial desta segunda edición da proba será o exciclista profesional que conseguiu subir 3 veces ao podio do Tour de Francia, Joseba Beloki, unha oportunidade única para rodar con el polas paraxes da Ribeira Sacra, o vindeiro 24 de setembro.

Este evento deportivo contribúe a promocionar os recursos naturais, paisaxísticos e patrimoniais desta zona a través do deporte, así como a promover o cicloturismo na nosa provincia que presenta unhas condicións idóneas para esta disciplina deportiva. Tralo éxito logrado o ano pasado ao participar na mesma unha alta porcentaxe de persoas de fóra de Galicia, chega a segunda edición coa intención de lograr superar as cifras do ano pasado, continuar a dinamizar a economía local dos municipios que atravesa esta proba cicloturista, e a amosar a riqueza dos recursos que engloba a marca turística “Ourense xenuína”.

Os interesados en participar na proba poden inscribirse a partir de hoxe, ás 19.00 horas, a través do seguinte enlace: www.aribeirasacra.com