Abertas as inscricións para participar na terceira edición da “Xurés Bike Tour”

Participantes na Xurés Bike Tour 2022
Abertas as inscricións para participar na terceira edición da “Xurés Bike Tour”

Celebrarase en Muiños, os días 17 e 18 de xuño e reunirá aos mellores especialistas do BTT galego e nacional

O Inorde organiza a terceira edición da “Xurés Bike Tour” que xa ten aberto o seu prazo de inscricións para que todos os afeccionados ao ciclismo de montaña poidan volver a gozar das paraxes naturais que ofrece esta zona do Xurés. Este evento, que se celebrará os días 17 e 18 de xuño, reunirá aos mellores especialistas do BTT galego e nacional.

O percorrido da proba transcorrerá por diferentes municipios do sur de Ourense como Bande e Muíños, e cruzará a fronteira ata o norte de Portugal, “dotándoa dun carácter internacional que a fai máis atractiva para os afeccionados á práctica da mountain bike”, sinalou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

“Este tipo de probas permítenos potenciar os recursos naturais e patrimoniais do noso territorio a través do turismo deportivo e, neste caso, ao tratarse dunha proba que dura dous días, atraemos a visitantes que terán que pernoctar na nosa provincia e, polo tanto, este feito terá un impacto moi positivo nos municipios da zona”, explicou Rosendo Fernández.

A proba, que conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, desenvolverase en 3 etapas. A primeira delas ten unha distancia de 40 km que dará a comeza a esta nova edición desde a praza do Concello de Bande, con case 1.000 metros de desnivel positivo. A segunda etapa contará cun tramo de 10 km cronometrados con saídas que se efectuarán cada minuto, desde o Complexo Turístico do Corgo en Muíños, e será por orde inverso da primeira etapa. Por último, a terceira etapa, terá a súa saída e chegada no Complexo do Corgo, e constará dun percorrido de 60 Km que levará aos deportistas por zonas espectaculares como Maus de Salas, Pitoes das Junias ou Tourem. A saída será en conxunto e os primeiros 4 km serán neutralizados.

Os interesados en participar xa poden inscribirse a través do seguinte enlace: https://www.xuresbiketour.com/, cun custe promocional para os que se anote antes do 15 de marzo.