Alejandro Blanco (Presidente do Comite Olímpico Español) recibiu o Premio Ourensanía 2021

Premio Ourensanía 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, preside o acto de entrega do Premio Ourensanía 2021 ao presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco Bravo, acompañado de Alberto Nuñez Feijoo (Presidente da
Alejandro Blanco (Presidente do Comite Olímpico Español) recibiu o Premio Ourensanía 2021

“Como exemplo de valores deportivos e compromiso cunha terra que fabrica medallas”

O presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, recibiu hoxe o Premio Ourensanía 2021 no transcurso do tradicional e solemne acto que se celebra no Teatro Principal da cidade coincidindo coa festividade de San Martiño, patrón de Ourense, e que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, así como coa presenza do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices. Todos eles acompañados por representantes dos ámbitos institucional, cultural, económico e social da provincia e do resto de Galicia, pero tamén cunha importante asistencia de representantes de federacións deportivas pertencentes ás modalidades que tiveron e terán destacadas competicións en territorio ourensán como o remo, piragüismo, ciclismo, balonmán, atletismo ou bádminton.

Alejandro Blanco recibiu o Premio Ourensanía 2021, segundo recolle a acta do xurado, “por toda unha traxectoria vital e profesional dedicada ao mundo do deporte, tanto desde a práctica persoal como polo seu destacado papel na defensa do labor que realizan as federacións deportivas, pero sobre todo como firme valedor do movemento olímpico, o que lle valeu o recoñecemento ao seu traballo por parte do Comité Olímpico Internacional”.

Ás - 18.00 horas: Premio Ourensanía 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, preside o acto de entrega do Premio Ourensanía 2021 ao presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco Bravo, acompañado de Alberto Nuñez Feijoo (Presidente da Xunta de Galicia), Miguel Santalices Vieira (Presidente do Parlametno de Galicia) entre outras autoridades, familiares e amigos. Lugar: Teatro Principal de Ourense.

Manuel Baltar afirmou que, con este galardón, “recoñecemos en Alejandro Blanco un exemplo dos valores deportivos, o sacrificio, o afán de superación, o traballo en equipo, e do compromiso cunha terra que fabrica medallas”. Hoxe, sinalou, “entras nunha relación de gañadores do Premio Ourensanía con total xustiza, unindo o teu apelido a outros ilustres desta terra como Barreiros, Prego ou Taín, porque, ademais da túa exitosa traxectoria nacional e internacional sempre exhibes con orgullo a túa condición de ourensán”.

No galardoado, destacou o presidente provincial, “vemos ao xestor deportivo internacional, chamado para lograr consensos e solucionar conflitos, á persoa de concordia” que por quinta vez consecutiva vai liderar o Comité Olímpico Español. “Tiña que ser un de Ourense”, dixo.

Como persoa distinguida “para que sigas sendo exemplo de compromiso e bonhomía ourensá”, pediulle Baltar que “alumees propostas e apoies as nosas no desenvolvemento do deporte en Ourense, nunha provincia onde implantamos un ecosistema de turismo deportivo no que teñen cabida desde a estación de montaña de Galicia, Manzaneda, ata o Parque Náutico de Galicia en Castrelo de Miño; onde veñen seleccións internacionais de remo e piragüismo a preparar os Xogos Olímpicos e campionatos internacionais; o Ourense capital do hóckey en Galicia; a candidata a sede do Campionato Europeo de Balonmán en 2028; ao Ourense do ciclismo”. A unha provincia, en definitiva, “dos clubs e deportistas que tantos éxitos e orgullo de seu nos teñen dado durante toda a historia”. E desde hoxe, engadiu “contigo a Ourensanía será máis rápida, máis alta e máis forte”, facendo así referencia ao lema do olimpismo.