O Antela empata ante o Ambía e continúa sen gañar na casa

Imaxe de La Región dun momento do choque entre o Antela e o Xunqueira de Ambía.
O Antela empata ante o Ambía e continúa sen gañar na casa

Un gol de Vispo no segundo tempo salvou os mobles dun Antela que intenta fuxir dos postos de descenso.

1-1. Un empate e case temos que dar as grazas. O Antela saíu o domingo ao campo cunha intención moi clara: a de gañar o seu primeiro partido de liga na casa. Mais esa pretensión inicial case se torna nun imposible. Malia que os anteláns levaron dende o comezo o control do encontro e mesmo con oportunidades claras, o Xunqueira de Ambía logrou adiantarse no partido mediante un tanto de Anxo após regatear a Miki. Eran os minutos nos que o equipo local máis estaba insistindo na portería visitante.

Malia todo, os limiáns lograron salvar os mobles grazas á mágnífica resolución do centrocampista Vispo a un pase interior a uns metros da área. O gol que fai respirar ao Antela foi anotado apenas uns minutos despois de que Vispo mandara o esférico ao traveseiro da portería do Ambía.

O Antela terá que esperar outra xornada máis para lograr a ansiada primeira vitoria na casa de toda a tempada.