O Antela faille pé o líder pero o Boado afunde

Boado 06.10.13
O Antela faille pé o líder pero o Boado afunde
A douses saldouse o encontro na Moreira dos branquinegros, mentres que os laranxas caeron por catro a un fronte ao...

A douses saldouse o encontro na Moreira dos branquinegros, mentres que os laranxas caeron por catro a un fronte ao Taboadela

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

O Antela fíxolle pé ao líder da clasificación do grupo IV da Primeira Autonómica, o SD Nogueira, cun empate a dous na Moreira. Os goles branquinegros foron obra de Iago e Nacho, que conseguiron así recadar un puntiño, colocando ao conxunto no número doce da clasificación. A última vez que estes dous equipos se enfrontaran, hai tres anos, o encontro xa tivera daquela tamén como resultado un empate, pero a tres. Dentro dunha semana, na que será xa a xornada número sete, o Antela viaxará ata o campo de Eiroás para medirse ante o Covadonga.

O Boado F.C. segue sen atopar o seu sitio na competición e volveu caer derrotado, esta vez fronte ao Taboadela por catro goles a un. O equipo limiao non conseguiu, polo momento, gañar máis que un partido, que xunto ao empate da cuarta xornada ante o Ramirás, axúdalle a anotar no seu marcador catro puntiños. Con esta nova decepción o conxunto laranxa acada o posto número catorce da táboa, cos mesmos puntos que o Vilariño e soamente a tres do pechacancelas. O domingo próximo, o Boado recibirá na Moreira ao Arenteiro.

O Bande líder da 2ª Autonómica

O encontro do sábado entre o Bande e o Manchica foi un auténtico festival de goles, que rematou cun seis a cinco a favor do primeiro, que xogaba na casa. O equipo da Baixa Limia continúa invicto despois de seis xornada,s atesourando xa un total de 18 puntos, que o converten no líder da clasificación. O próximo rival do Bande será A Merca, a quen visitará no seu campo o vindeiro domingo día 13 de outubro.

O Muíños segue de cerca ao seu veciño de Bande, pechando o podio da Segunda División Autonómica, na terceira posición con once puntos. Tres dos cales conseguidos esta fin de semana ante o Maceda na casa, a quen derrotou por dous goles a cero. A xornada número sete obrigará aos branquiverdes a desprazarse ata o campo do Soutopenedo, conxunto que ostenta o número dous da clasificación.

O resultado en Os Cruceiros foi de empate a un. O Entrimo non foi capaz de impoñerse ante o Allariz B, e esta semana non suma máis ca un punto. Acumula así nove que o elevan ata a sétima posición. A semana próxima  o Entrimo enfrontarase ao Maceda.

Terceira División Autonómica

O Porqueira é líder do grupo XII da Terceira División Autonómica con dez puntos e un só partido perdido. No encontro de hoxe tocoulle medirse co Cidade das Pontes, ao que despachou sen problema encaixándolle catro goles. O domingo próximo terá como rival ao Rocas, ao que visitará no seu campo.

E nesta terceira xornada para os equipos da última división autonómica, houbo derbi de equipos limiaos. O que enfrontou ao Vilar de Barrio co Antela e que se saldou con dous goles a un.

Ademais de o Antela B, o Calvos sufriu tamén a derrota no campo do Portocelo ante o Paderne B, que lle anotou dous goles. Ante este equipo probará sorte a semana próxima o Vilar de Barrio. Ao Antela e ao Calvos tócalles medirse ante o Vilardevós e o Lobios. Este último enfrontouse esta fin de semana co Toén, empatando a treses.