A FUTGAL quere que Xinzo sexa sede do curso de adestrador básico de fútbol UEFA B

futgal
A FUTGAL quere que Xinzo sexa sede do curso de adestrador básico de fútbol UEFA B

O mércores comezan as clases na Casa da Cultura con máis de 20 alumnos

A Federación Galega de Fútbol escolleu Xinzo para impartir o curso de adestrador básico UEFA B, o que antes era o Nivel 1. O motivo que apuntan é que a vila sempre ten moi boa disposición para este tipo de convocatorias. De feito o curso de monitor de fútbol base que se celebrou o pasado ano contou con 35 persoas anotadas. Outra das razóns foi facilitar o acceso da xente do rural a este tipo de formacións.

Ante esta boa acollida a FUTGAL manifestou a súa intención de que Xinzo sexa a sede permanente para impartir o curso de adestrador básico UEFA B.

As clases comezan este mércores na Casa da Cultura e xa van máis de 20 persoas anotadas que veñen dende Xinzo, Verín, Allariz ou Ourense. Quenes superen o curso obterán un diploma federativo que mesmo lles abre as portas a Europa.

A presentación tivo lugar o martes no salón de plenos do Concello a cargo do rexedor, Antonio Pérez o concelleiro de deportes, Luis Miguel Gil, o técnico deportivo, David Carnero e o director da escola de adestradores da FUTGAL, Manuel Mosquera.