Balance positivo do baloncesto limiá a punto de rematar a tempada

alevin masculino
Balance positivo do baloncesto limiá a punto de rematar a tempada

Mentres o equipo senior masculino loita por non descender, as nenas benxamíns suman 15 vitorias consecutivas

O mundo do baloncesto segue a darnos novas xornada tras xornada. Xa van rematando algunhas ligas e outras están chegando o seu fin.

Rematou a tempada regular para o equipo senior masculino e rematou da peor maneira posible. Estaba na súa man evitar xogalo descenso, unha vitoria contra o Cartelle era o necesario; pero non foi así, un parcial inicial de 0-17 e unha polémica decisión arbitral a falta de 6 segundos para o final, con empate a 48; fixeron imposible a vitoria. Despois de Semana Santa enfrontaranse con 3 equipos da provincia de Pontevedra para loitar por non descender.

Tamén rematou o infantil feminino, o equipo de Isa acadou un meritorio 5º posto, e agora terá que esperar a despois destas vacacións para xogala Copa Deputación.

A piques de rematar están as competicións cadete; o feminino disputará o próximo luns o derradeiro partido de liga contra o Allariz, e o masculino xogará o domingo ás 19h no pavillón municipal de Xinzo contra o COB, o partido que decidirá o Campión de liga. Chegan os dous conxuntos cunha soa derrota en toda a tempada, o gañador do encontro será o Campión Cadete Masculino da tempada 2014/2015.

Xornadas de descanso para os conxuntos alevíns e que retomarán a competición a volta das vacacións.

Para rematar, mención especial para a categoría benxamín. O masculino complicou o seu 3º posto xa que na súa visita ao San José Blanco, foi cun xogador menos do permitido, o que implica a derrota automática de 2-0. Esta venres enfróntase ao seu rival directo, Escolas Deportivas Ourense, e dese resultado sairá con toda probabilidade o 3º clasificado Benxamín Masculino. Como non, as nenas benxamíns, suman vitoria tras vitoria, e xa están pola 15. Despois de Semana Santa enfrontaranse o seu único competidor polo título, Allariz.