A canteira do Antela salva a nefasta tempada do clube limián

Antela Benxamín A 2014 01
A canteira do Antela salva a nefasta tempada do clube limián
CELSO MOREIRAS Despois dunha nefasta tempada futbolística a negra sombra do descenso está a tinguir de moi escuro tanto o xogo,...

CELSO MOREIRAS

Despois dunha nefasta tempada futbolística a negra sombra do descenso está a tinguir de moi escuro tanto o xogo, os resultados, así como o futuro da primeira escuadra limián. Unha categoría superior, moito máis intensificada, profesionalizada e competitiva como é a Primeira Autonómica esixe xogar bon, bonito e a ser posible barato para un clube en teoría modesto. Condicións que non estiveron presentes ao longo da liga e que a día de hoxe, rematando xa o campionato, fan presaxiar o pior para o primeiro equipo antelán.

Se á crise de xogo e resultados lle sumamos tamén unha controvertida e errática xestión deportiva desde a nova presidencia, con gravísimas decisións como as improvisadas e moi cuestionadas incorporacións dun técnico e varios xogadores lusos in extremis e a prol dun salvamento que semella que xa non se producirá a pesar dos cuantiosos estipendios recibidos polos portugueses, entón, a situación xa é dramática e para botarse ao Limia, xa de mortos ao río, pola desazón persoal e desfeita deportiva que ceibará no clube para as vindeiras tempadas e xeracións.

Coa moral polo chán, sen motivación nin recompensa, cun corpo técnico e de xogadores lastrado pola desilusión e a división, ao Antela só lle resta ollar e empatizar coas súas categorías inferiores, onde están a producirse heróicas xestas como a que o Antela Benxamín A acadou no Torneo F8 Vila de Celanova 2014 este Xoves Santo, ficando SubCampións despois de derrotar de xeito fulminante a equipos tan ben estruturados, armados e completos como son o Celanova, A Ponte Ourense, Monforte ou Pabellón Ourense.

Esta Semana Santa a canteira do Antela, o Antela Benxamín A 2014 da mán dos seus adestradores Suso Fariñas e Toñito Maestro e cun corpo de xogadores máis que xustiño, demostroulle tanto ao directiva como aos xogadores do primeiro equipo limiao que a forza da iusión e do sacrificio polo equipo e as cores da terra non se compra nin se vende, simplemente síntense, deféndense e peléxanse de xeito xeneroso e desinteresado ata o último alento, e máis se houbera; así o demostrou o empuxe, amor propio e ilusión destes cativos de 10 anos.