Chega a segunda edición da "Xurés Bike Tour" este fin de semana

Presentación do Xurés Bike Tour 2022
Chega a segunda edición da "Xurés Bike Tour" este fin de semana

A proba, que reúne a 200 participantes, está organizada polo Inorde co apoio de Turismo de Galicia, e apadriñada por Iván Raña. Permitirá aos inscritos gozar desta contorna ourensá e portuguesa desde o 10 ao 12 de xuño.

A segunda edición da “Xurés Bike Tour” que organiza o Inorde co apoio de Turismo de Galicia, mesturará deporte con gastronomía ao coincidir esta proba coa celebración da 51 edición da “Festa do Peixe” de Bande, declarada de Interese Turístico de Galicia.

Hoxe tivo lugar a presentación da primeira proba no Aquis Querquennis en Bande. Na presentación da proba, o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, comentou:

“Este evento permitirá aos participantes descubrir os catro recursos cabeceira da nosa marca turística: patrimonio, natureza, enogastronomía e termalismo”

Á presentación tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a xerente do Inorde, Emma González; a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; o alcalde de Muíños; Plácido Álvarez; a alcaldesa de Lobios, Maria del Carmen Yáñez; o alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias; o director técnico da proba, Serafín Martínez; e o director xerente de Caldaria, Javier Soto.

Segundo Rosendo Fernández, esta proba, como todas as que se organizan desde o Inorde co apoio de Turismo de Galicia, teñen como obxectivo dinamizar turísticamente a nosa provincia, a través da cooperación entre institucións, pero tamén con entidades privadas, para poder facer realidade proxectos desta envergadura que contribúen ao desenvolvemento social e económico dos nosos territorios.

“O turismo deportivo é, desde hai anos, unha prioridade na folla de ruta do goberno provincial, porque somos conscientes do potencial que ten Ourense para acoller probas de diferente índole nos distintos concellos da nosa provincia. Somos o escenario perfecto e contamos coas infraestruturas idóneas para ser sede de eventos deportivos de primeiro nivel, como así o levamos demostrando nos últimos tempos”

Esta proba comeza a facerse oco no calendario deportivo da provincia e está medrando o número de participantes con respecto á primeira edición, tendo neste momento un total de 150 inscritos que disputarán a “Xurés Bike Tour” os tres días; e a máis de 50 persoas que o farán soamente en xornadas individuais. A maioría deles proceden, ademais das diferentes provincias galegas, fundamentalmente de Asturias, León e Portugal, segundo comentou Serafín Martínez.

Ademais, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, subliñou que a proba permitirá que centos de ciclistas amosen ao mundo as potencialidades deportivas de Ourense nunha contorna incomparable como é o parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés. A aposta por Ourense é a aposta por Galicia -di Gabriel Alén- , xa que a provincia concentra e resume o mellor da comunidade. “Deporte e turismo van da man e cada vez son máis os turistas que buscan unha oferta diferenciada vencellada coas actividades ao aire libre”, e destacou que os eventos deportivos e a oferta turística de Ourense coinciden coa aposta polo turismo de calidade que tan bos resultados están a dar en Galicia.

O representante do Goberno galego lembrou os bos datos acadados na comunidade o pasado verán e o balance positivo desta Semana Santa, cun 80 % de media de ocupación hoteleira e cifras aínda mellores en establecementos de turismo rural ou en enclaves como a Ribeira Sacra, de aí a importancia e o protagonismo da provincia de Ourense no cómputo global. Un balance positivo no que tamén ten moito que ver o Camiño de Santiago e o Xacobeo, con máis de 103.000 Compostelas entregadas.

O percorrido da proba

A Xurés Bike Tour, que permite a participación de xeito individual ou por parellas, desenvolverase en 3 etapas, do 10 ao 12 de xuño, perseguindo non só fins deportivos, senón tamén "que os deportistas alonguen a súa estadía e poidan gozar desta contorna ourensá e portuguesa que ofrece a zona do Xurés en grupo ou en familia”, sinalou Rosendo Fernández. Os participantes percorrerán diferentes lugares dos municipios de Muíños, Lobios, Montalegre, Entrimo, Lobeira e Bande.

O pistoletazo de saída será o venres, 10 de xuño, co prólogo que irá entre o “Alto do Viso” (Lobeira) e Bande, un percorrido de 17 km cronometrados con saídas cada minuto. Ao día seguinte, celebrarase a primeira etapa que terá a súa saída e chegada no complexo deportivo do Corgo en Muíños, e constará dun percorrido de 68 km. Nesta ocasión, os participantes terán a oportunidade de descubrir lugares espectaculares como Maus de Salas, Pitoes das Junias ou Tourem, do país veciño. A segunda etapa, que terá a súa saída e chegada no Balneario de Lobios, contará cunha distancia de 52 km e será a que decida o podio final desta segunda edición da “Xurés Bike Tour”.

Iván Raña, padriño da “Xurés Bike Tour” 2022

Ademais, nesta segunda edición contarase cun padriño de excepción: o primeiro campión do mundo da historia do triatlón español, Iván Raña, que atesouro no seu palmarés numerosos galardóns que o converten nun referente a nivel mundial no ámbito deportivo.