Deputación de Ourense destina máis de 470.000 euros a axudas para o deporte

34
Deputación de Ourense destina máis de 470.000 euros a axudas para o deporte

A cuantía máxima será de 24.000 € por clube deportivo

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada esta mañá destinar un total de 478.000 euros a axudas para o deporte. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente a o venres, 12 de xaneiro.

No ámbito do deporte, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións a clubs deportivos de Ourense para o ano 2018. O obxecto destas bases é regular a tramitación e concesión de subvencións aos clubs deportivos da provincia, mediante o procedemento de concorrencia competitiva, para financiar parcialmente os gastos derivados da súa participación en competicións deportivas durante a temporada 2017-2018.

Para esta convocatoria pública, a Deputación de Ourense dispón dun orzamento de 400.000 euros, sendo a contía máxima de cada subvención de 24.000 euros.

Poderán beneficiarse destas axudas os clubs con domicilio social na provincia, inscritos nos rexistros deportivos da Xunta de Galicia: aqueles que participen na temporada 2017/2018 en competicións oficiais; e posuír, polo menos, un equipo de base acreditado, é dicir, inferior á categoría senior ou absoluta.

Para os clubs que compitan en disciplinas individuais establécese como requisito básico posuír un mínimo de dez licenzas federativas de deportistas de base en competición. Non poderán ser beneficiarios os clubs que só participen en ligas ou competicións locais ou comarcais, ou exclusivamente no deporte escolar ou ligas de empresas. O prazo de presentación de solicitudes, ben de forma presencial ou telematicamente, iniciarase a partir da publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 28 de febreiro.

Copas Deputación 2018

Tamén no ámbito deportivo, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións para as Copas Deputación 2018. As axudas concederanse mediante o procedemento de concorrencia competitiva, ata completar un orzamento total de 79.000 euros.

O programa de Copas Deputación, cun forte arraigamento e tradición na provincia, garante a continuidade de determinadas competicións deportivas amateur que, en moitos casos, constitúen a única actividade regulada que se organiza na provincia para determinadas disciplinas deportivas.

Poderán ser beneficiarias deste programa as federacións deportivas galegas, a través das súas respectivas delegacións na provincia de Ourense. Se a sede social da federación galega estivese radicada na nosa provincia, ou se esta carecese de delegación en Ourense, poderá realizar a solicitude a propia federación galega, directamente. Igualmente, as federacións poderán encomendarlle a organización da Copa Deputación a unha entidade deportiva domiciliada na provincia de Ourense.

Nesta convocatoria queda excluída a Copa Deputación de Fútbol, xa que polo seu arraigamento e dimensión nesta provincia será obxecto de financiamento a través dunha subvención nominativa nos termos que estableza o Pleno da Deputación. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase trala publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, e rematará o 28 de febreiro de 2018.