A Gladiator Race “Night Edition”. Race volve a Muiños

Cartel anunciador da proba
A Gladiator Race “Night Edition”. Race volve a Muiños

Este evento retorna á provincia de Ourense cun formato único en España neste 2022 ao celebrarse de noite na área recreativa do Corgo, o vindeiro sábado, 22 de outubro, a partir das 20,00 horas

A proba, organizada pola Deputación a través do Inorde co apoio de Turismo de Galicia, reunirá a máis de 300 participantes procedentes de 14 provincias fundamentalmente do noroeste peninsular e de Portugal.

A área recreativa do Corgo en Muíños será novamente o escenario da Gladiator Race, proba organizada pola Deputación de Ourense a través do Inorde co apoio de Turismo de Galicia e a colaboración do Concello de Muíños, cun formato único en España neste 2022 ao celebrarse en horario nocturno.

-11.30 horas: Presentación da Gladiator Race “Night Edition”.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, presenta a proba deportiva Gladiator Race “Night Edition”, que se celebra o 22 de outubro en Muíños. Estará acompañado polo alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén; a xerente do Inorde, Emma González; e o director técnico da proba, Serafín Álvarez. Lugar:  Sala de prensa da Deputación.
Presentación da Gladiator Race “Night Edition”.

A presentación da proba tivo lugar esta mañá na sala de prensa do Pazo Provincial, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez; a xerente do Inorde, Emma González; e o director técnico da proba, Serafín Martínez.

Manuel Baltar lembrou na presentación que na folla de ruta da Deputación de Ourense “ocupa, desde hai anos, un espazo importante impulsar ese ecosistema deportivo na nosa provincia, xa que Ourense é o espazo perfecto para a práctica do deporte tanto de elite como popular”.

A Gladiator Race que chega este ano a súa cuarta edición, “consolídase no calendario deportivo ourensán nun lugar referencial como é O Corgo, que nos pasados anos xa deu boa conta da capacidade organizativa desta provincia e da gran impresión que levan os participantes na proba do noso territorio”, sinalou o presidente do goberno provincial

Na súa intervención, o delegado da Xunta, Gabriel Alén, defendeu “esta liña de colaboración que facemos sempre co Inorde, na provincia de Ourense porque nos permite poñer en valor o noso territorio e aproveitar ese escaparate idóneo a través das actividades deportivas”. Así mesmo, sinalou que desde o ámbito de turismo da Xunta de Galicia “somos conscientes de que temos un potencial natural valorado especialmente a partir da pandemia e, sobre todo, con ese modelo de turismo seguro que ampara do mellor modo posible as actividades deportivas que promovemos en base a este convenio”.

Foto arquivo
Foto arquivo

Máis de 300 participantes procedentes de 14 provincias

Este ano, a Gladiator Race, volve a celebrarse en horario nocturno, “sendo, polo tanto, a única proba dentro das Gladiator que se celebra de noite en toda España, reafirmando ese carácter diferenciador e innovador que promovemos para atraer a visitantes ao noso destino”, explicou a xerente do Inorde, Emma González, que remarcou que a proba reunirá a máis de 300 inscritos procedentes de 14 provincias, fundamentalmente do noroeste peninsular e de Portugal, “dato a salientar porque desde o Inorde, o noso obxectivo é promover o deporte como ferramenta para atraer turistas e pensando en poñer en valor a nosa marca turística que contempla catro recursos cabeceira e un deles é ‘Ourense natural”.

“E precisamente, nesta contorna de Muíños ten unha riqueza natural que abraia a todos aqueles que se achegan a coñecelo”, sinalou Emma González, polo que “creemos que é unha vía moi interesante para continuar a afianzar este recurso pensando no visitante e que poida ter experiencias de turismo activo de calidade”.

Pola súa banda, o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, remarcou que a Gladiator Race é “a última proba do calendario de actividades turísticas-deportivas que aprobamos a comezos de ano chamado “Xurés Experience” que está pactado cos cinco concellos da Baixa Limia co obxectivo de coordinarnos na organización destes eventos”.

Ademais, Plácido Álvarez destacou deste calendario a Ourense Strade Termal e o Campionato Galego de Piragüismo Infantil e Alevín, ou o Campionato Nacional de Media Maratón de Piragüismo, “que durante un fin de semana contamos con máis de 600 palistas en Muíños, polo tanto, comezamos a ter un nome importante no ciclismo e no piragüismo”.

5 quilómetros e 25 obstáculos en horario nocturno

A cuarta edición da Gladiator Race terá lugar o vindeiro sábado, 22 de outubro, a partir das 20.00 horas, desafiando aos mellores corredores do ámbito nacional “ao ser unha das probas máis esixentes que realizamos ata o momento, cun percorrido de 5 quilómetros e con máis de 25 obstáculos, que inclúen subir por pirámides, zonas de equilibro, probas de forma e moitas aventuras máis”, sinalou o director técnico da proba, Serafín Martínez.

A proba contará coa participación da actual campioa de España e ao mellor equipo, Os Vengadores, polo tanto, “a nivel participativo non só contamos cunha cantidade elevada, senón que tamén temos unha alta calidade porque temos unha parte elite que vén a intentar gañala, xa que forma parte da Liga Nacional de carreiras de obstáculos”, engadiu Serafín Martínez.

Dado que o evento volve a celebrarse en horario nocturno, os participantes están obrigados a levar frontal luminoso xa que o 90% do percorrido estará sen iluminar. Trátase dunha experiencia que está aberta a todo tipo de público e que se poderá disputar de xeito individual ou por equipos de mínimo 5 integrantes.