DAVID FERNÁNDEZ MARTÍNEZ
Esta fin de semana, o equipo Senior do A.B Xinzo deu un paso máis para asegurar a permanencia na 3ª División Masculina ó conseguir a vitoria fronte ó Mármoles Sequeiros de Barbadás.
No A.B Xinzo están de noraboa, porque o equipo Senior masculino, adestrado por Gonzalo, acadou un importantísimo triunfo a domicilio, fronte ó Mármoles Sequeiros por 45 a 50.
Gonzalo tiña moi claro que este partido era clave para as aspiracións do equipo na liga, para o cal o adestrador limiao lle pedía os seus xogadores intensidade defensiva, concentración en ataque e loita por cada balón. A pesar das baixas que presentaba o equipo, os xogadores mostraron unha gran disciplina á hora de xogar o partido, disciplina que axudou ó equipo a conseguir a vitoria. Foi un encontro rocoso, físico, como lle interesaba ó equipo local, pero enfronte tiñan un grupo de xogadores comprometidos que deixaron a pel no campo, todos, sen excepción. E esa foi a clave da vitoria, todos os compoñentes do equipo sumaron puntos para o marcador e esforzáronse en cada momento na defensa.
No resto dos equipos temos que destacar, a vitoria do equipo Cadete masculino. Os rapaces de David Fernández venceron a domicilio o ABO Capital Termal por 34 a 72. A pesar da vitoria o adestrador non acabou contento, porque é consciente do potencial dunha xeración de xogadores que son capaces de facer moitas cousas e facelas ben, pero que espera arranxar esta situación o antes posibles e conseguir o nivel desexado para o equipo dos Cadetes.
Polo resto das categorías inferiores do A.B Xinzo, o equipo de Manolo Rodríguez,o Cadete feminino caeu derrotado fronte o Carmelitas por un marcador de 55 a 9, no que cabe destacar que o encontro acabou con tres xogadoras do A.B Xinzo na pista.
O outro equipo feminino que xogou este fin de semana, foi o adestrado por Óscar Gómez, que visitaba a cancha de Maristas. O equipo Infantil feminino perdeu cun marcador de 55 a 29.
O mesmo facía o seu homólogo masculino, o Infantil masculino tamén visitou a cancha de Maristas, os rapaces de Miguel Ángel López caeron derrotados por un marcador de 100 a 14.