Inauguráronse os XXII Xogos autonómicos de atletismo Special Olympics Galicia en Ourense

Inauguración Special Olympics
Inauguráronse os XXII Xogos autonómicos de atletismo Special Olympics Galicia en Ourense

GABRIEL ALÉN REIVINDICA ‘UN DEPORTE GLOBAL, INCLUSIVO, IGUALITARIO, PARA TODOS E PARA TODAS’

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reivindicou “un deporte global, inclusivo, igualitario, para todos e para todas. Un deporte que non entenda de xénero, nin de idades, nin de condicións". Así o subliñou esta mañá no acto de inauguración dos XXII Xogos autonómicos de atletismo Special Olympics.

"Sodes a viva representación de todos e cada un dos valores que agocha o deporte: sacrificio, resiliencia, esforzo, traballo, constancia, compañeirismo e sobre todo, inclusión"; deste xeito dirixiuse o delegado territorial aos participantes aos que significou que o deporte é unha das ferramentas máis potentes que ten a sociedade para acadar a integración plena des persoas con discapacidade intelectual.

Gabriel Alén amosou a súa admiración e recoñecemento polos participantes desta iniciativa. “Substantivos -engadiu o delegado territorial- que resumen os meus sentimentos polas persoas que son exemplo permanente de superación e que entenden, igual que eu entendo por profesión e devoción, que das cinco áreas fundamentais do adestramento deportivo: resistencia, velocidade, forza, habilidade, e espírito, o máis importante é este último por ser o lugar onde habita o progreso e descansa o predominio”.

O representante do Goberno galego en Ourense salientou o traballo permanente da Xunta pola inclusión das persoas con discapacidade. Nesta liña, recordou que “a discapacidade, sexa do tipo que sexa, debe atenderse desde a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva. Non se trata de adaptarse para integrarse na sociedade, senón que é ela a que debe estar atenta ás necesidades de cada persoa”.

Special Olympics

Special Olympics é un movemento internacional que está presente en 170 países, alcanza a 3,7 millóns de deportistas con discapacidade intelectual que participan en máis de 32 modalidades deportivas de verán e inverno.

Seguindo os pasos que viñan de internacional, Special Olympics España estableceuse en España en 1991 da man da Infanta Dona Elena de Borbón, quen é a presidenta de honor de SOE. Aos poucos, a organización no territorio español foi collendo forza ata converterse en movemento de referencia no sector da discapacidade. E é que os últimos pasos dados avalan o noso traballo e filosofía. En 2006 constituíuse a fundación e obtivo o recoñecemento do Consello Superior de Deportes, e en 2011 foros nomeados membros do Comité Paralímpico Español.

A nivel estatal están presentes en 13 comunidades autónomas, xa sexa sendo Special Olympics autonómicos ou ben cun convenio de colaboración, ademais de Ceuta e Melilla. O alcance chega a 16.000 deportistas e 4.500 persoas entre voluntarios e adestradores que participan en 16 modalidades deportivas distintas.

En Special Olympics ofrecen adestramento deportivo e competición atlética durante todo o ano a persoas con discapacidade intelectual en diferentes modalidades deportivas, co obxectivo de que desenvolvan aptitudes físicas, demostren valor, participen nun intercambio de dons, destrezas e compañeirismo coas súas familias, atletas Special Olympics e a sociedade en xeral. Teñen o convencemento que as persoas con discapacidade intelectual poden aprender, gozar e beneficiarse da participación en deportes individuais e de equipo.