Jacobo Senín impónse en Vilar de Barrio coa súa barqueta Nova ante o espectacular Audi DTM de José Antonio López-Fombona

Alex Pais
Jacobo Senín impónse en Vilar de Barrio coa súa barqueta Nova ante o espectacular Audi DTM de José Antonio López-Fombona

Son os claros vencedores dunha primeira edición da Subida a Vilar de Barrio que destacou pola calidade dos pilotos e equipos presentes e resultou un éxito de seguimento

A I Subida a Vilar de Barrio celebrou durante a fin de semana a súa primeira edición. E fíxoo ao grande, cunha inscrición curta pero cargada de calidade tanto en pilotos como en máquinas, algunhas habituais do Campionato de España de Montaña aínda que a cita limiana era puntuable para a Copa de España da modalidade.

En dúas xornadas ben diferentes, o sábado con sol e boa temperatura e o domingo con choiva, tanto a poderosa barqueta Nova NP01 do compostelán Jacobo Senín como o espectacular Audi RS 5 DTM do asturiano José Antonio López-Fombona, non defraudaron aos innumerables afeccionados presentes a fin de semana en Vilar de Barrio. Tampouco ó fixeron os vigueses Jorge Pérez (Porsche 911 GT3 Cup) e Álex Pais (Renault Clìo RS N5) que coparon prazas de cabeza na xeral final. Ao cabo a vitoria de Senín, segunda posición para Fombona e terceira para Pérez, que foron os que compuxeron o podio final. En cuarta posición Jonathan Abadín situou a súa Fórmula Outeda Barqueta e en quinta foi Miguel Ángel Rodríguez cun Fórmula Outeda. O terceiro carrozado, tras Fombona e Pérez foi Álex Pais, que realizou excelentes cronos o domingo sobre a néboa e choiva. No apartado de históricos, o "Trofeo Fullslip" foi a mans de Javier Carballo cun Ford Escort RS 2000.