Kolega e Iago devólvenlle a ilusión ao Boado

Boado F.C.
Kolega e Iago devólvenlle a ilusión ao Boado
O equipo limiao venceu 2 a 0 fronte ao Arrabaldo, o Antela empatou na Regueiriña REDACCIÓN Á terceira foi a vencida. O...

O equipo limiao venceu 2 a 0 fronte ao Arrabaldo, o Antela empatou na Regueiriña

REDACCIÓN

Á terceira foi a vencida. O Boado F.C. tivo que esperar ata a terceira xornada da Primeira División Autonómica para gañar, foi ante un Arrabaldo que aínda non foi capaz de sumar nin un só punto no que levamos de campionato. Pablo Kolega e Iago trouxeron os goles á Moreira, e con eles tamén a ilusión renovada a un conxunto que xa precisaba unha dose de confianza, nesta nova etapa que ven de iniciar. Estrea pois o Boado o seu marcador con nada menos que tres puntiños que os catapultan ata o posto número doce. A próxima semana o Boado medirase co Ramirás, en campo forasteiro.

Dous banzos máis arriba atopamos ao Antela. Os branquinegros viaxaron este domingo á Regueiriña, de onde regresaron con idéntico resultado ao do seu último enfrontamento co Barbantes hai oito anos, empate a 1. Un gol de Manuel que trae un puntiño máis, suficiente para manterse na metade da táboa. Foi un partido intenso que se saldou coa expulsión de Samuel. O rival do Antela na cuarta xornada será o Barbadás, que viaxará ata A Moreira.

Segunda Autonómica

Na Segunda División Autonómica, quedaba pendente o partido do Bande que se desprazou ata O Toural para enfrontarse co Sande, onde ganou por 0 a 1. Polo que continúan os bos resultados do equipo da Baixa Limia, que ocupa con nove puntos, o segundo posto da clasificación, só por detrás da Merca.

Onte xogaban o Muíños e o Entrimo, con partidos que se saldaron con un empate e unha vitoria.Os bos resultados permiten ao Entrimo chegar ata a oitava posición, mentres que o empate pásalle factura ao Muíños que descende dous postos. A uns quedaron A Manchica e o Muíños, e por 3 goles a 0 ganoulle o Entrimo ao Velle.

Todos os partidos correspondentes á seguinte xornada nesta división terán lugar o próximo domingo 22. O Bande xogará na casa co Viana, tamén recibirán en campo propio aos seus rivais Entrimo e Muíños, a Manchica e á Merca, respectivamente.

Terceira Autonómica

O Antela B goleou ao Arnuide por 6 goles a 3 nesta primeira xornada de liga na Terceira División Autonómica. Un resultado que leva ao filial do equipo limiao ao primeiro lugar da clasificación. A próxima cita do Antela B será o domingo ante o Toén.

Na Terceira xogan así mesmo,Porqueira, Calvos de Randín, Lobios e Vilar de Barrio. O primeiro derbi limiao, que enfrontou ao Porqueira e ao Vilar de Barrio saldouse cun tres a cero, no campo da Tapada. Esta derrota coloca ao Vilar de Barrio de pechacancelas, mentres o vencedor ocupa a terceira posición. Na vindeira xornada o Vilar de Barrio esperará polo Cidade das Pontes na Corga, e o Porqueira viaxará a Vilardevós.

O Calvos de Randín quedou en táboa ante o Cidade das Pontes e ao Lobios tocoulle descansar. Na segunda xornada de Terceira Autonómica o Calvos enfrontarase ao Rocas na casa e o Lobios comezará a aventura viaxando ata a Bola.