A Limia terá representación nun campionato español de atletismo por primeira vez

chavalada
A Limia terá representación nun campionato español de atletismo por primeira vez

O equipo cadete masculino de Limiactiva acudirá a Madrid esta fin de semana

O deporte local está de noraboa, más en concreto a xente da Asociación Deportiva Limiactiva. O equipo cadete masculino vai representar, por primeira vez na historia, ó atletismo da Limia nunha proba de campo a través en Madrid.

A clasificación conseguírona no Campionato Galego de Campo a través que tivo lugar o pasado 31 de xaneiro en Friol, e no cal os rapaces acadaron o segundo posto.
Said Abdoum, Marco Nube Lema, Anass Nagihi, Pablo Nogueiras e Kévin Rodríguez, preparan as maletas e os nervios para enfrontarse ós mellores equipos nacionais desta modalidade. A cita é esta fin de semana no Hipódromo de La Zarzuela.

Con esta viaxe cúmprese un dos obxectivos que se marcaron os adestradores e os atletas nesta tempada e que fan que a xente de Limiactiva sexa un referente, agora tamén nacional, no que a atletismo se refire. A este logro súmanselle os títulos de Campións Provinciais e Subcampións Galegos de Campo a Través.

Dende a Escola de Atletismo Limiactiva queren resaltar este feito como un recoñecemento ós adestradores, directiva, socios e patrocinadores "que ven como despois do traballo constante, loitando por un obxectivo común, chega a hora de colleitar os bos resultados", matizan.